MÚSICA DE TUNA E TEATRO EN RECORDO DE FUSA GUILLÉN, CITAS PARA ESTA FIN DE SEMANA EN CEDEIRA
A axenda cultural para esta fin de semana en Cedeira ofrece música e teatro. O Auditorio Municipal acollerá este sábado, ás 20.00 horas, a actuación do grupo Troyanos de Compostela, unha formación con preto de dez anos de vida adicada a divulgar a música que ofrecía a Tuna Compostelá a finais do século XIX, a época na que se desenvolve a novela “La Casa de la Troya”. Para o domingo ás 19.00 horas programouse a función inaugural do primeiro ciclo de teatro afeccionado “Fusa Guillén”. O Catre Teatro interpretará “Fatum”.
O repertorio que Troyanos de Compostela ofrece nos seus concertos é unha viaxe musical no tempo ata a vida estudantil da Compostela de finais do século XIX. A agrupación naceu no ano 2013 e presentouse ao público en 2015 no marco da conmemoración da edición da novela “La Casa de la Troya” de Alejandro Pérez Lugín. O grupo está integrado en gran medida por antigos tunos e entre os seus obxectivos están os de investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de pulso e púa que se tocaba na época da novela. Ao longo do seu recital, os diferentes temas son introducidos por historias e anécdotas relacionadas coa vida na cidade de Santiago naquela época e coa relación que o autor do libro mantiña con persoeiros como Rosalía de Castro, Castelao, Curros Enriquez ou o Maestro Chané.
Fusa Guillén foi unha muller que deixou unha fonda pegada en Cedeira. A escritora, activista cultura e dramaturga desempeñou un importante papel na recuperación do Samaín e no impulso á cultura, particularmente ao teatro, na vila. O seu falecemento no ano 2020 foi moi sentido na localidade, onde xa se fixeron diferentes actos de recordo e homenaxe. Desta volta, o Concello de Cedeira convocou un concurso de teatro amador que ten a súa consecuencia directa na celebración, a partir deste domingo, do I Certame de Teatro Afeccionado “Fusa Guillén”.
Ao certame presentáronse cinco compañías e o xurado seleccionou tres, que van actuar no Auditorio de Cedeira os días 9, 15 e 22 de outubro. O Catre Teatro abre este domingo o ciclo, ás 19.00 horas, coa obra “Fatum”. A peza está dirixida por Agustín Bolaños e constitúe un debate sobre a historia da humanidade. A vida é un conxunto de accións fortuítas, casuais e ao azar ou está rexida por un destino inmutable e xa escrito?
A entrada será libre ata completar aforo, o mesmo que nas seguintes funcións. Carrachanacacha representará o sábado 15, ás 20.00 horas, a obra “A pena do cu do mundo” e a ASC Muíño do Vento interpretará o 22, tamén ás 10.00 horas, a peza “Unha obra para un barrio”.