Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O Concello apoia na súa presentación á Asociación Benestar Animal de Cedeira

O CONCELLO APOIA NA SÚA PRESENTACIÓN Á ASOCIACIÓN BENESTAR ANIMAL DE CEDEIRA

O goberno local está xa a traballar coa Asociación Benestar Animal de Cedeira (ABAC), unha entidade á que hoxe acompañará no seu acto público de presentación, que terá lugar na Sala Áncora ás oito da tarde.

Os responsables municipais recoñecen que unha agrupación destas características estaba a faltar no municipio, polo que valoran a súa presenza na vila para tratar de evitar desde o maltrato ata o abandono de animais, ademais de impulsar actividades e proxectos para “reducir a proliferación descontrolada das colonias de gatos, diminuír os conflitos veciñais e mellorar a calidade de vida dos animais”.

Así tamén o confirmou o presidente da entidade, Luis Hernández Cubero, que apuntou a realización de cursos, talleres e actividades de lecer relacionadas coas mascotas, a implantación do método CES (captura, estelización e solta) para o control de das colonias felinas e o proxecto “Cedeira sen xaneiras”, que inclúe a realización dun censo de animais para posteriormente actuar sobre cada unha de elas.

A Asociación, que foi legalizada esta mesma semana, tamén liderará unha campaña de concienciación e sensibilización cidadá coa finalidade de inculcar unha actitude de respecto e de responsabilidade cara aos animais e, dacordo co Concello, establecer un protocolo de actuación para que os cans abandonados teñan unha segunda oportunidade antes de se entregar a unha protectora ou refuxio. A entidade promoverá así mesmo a adopción de gatos sociables e o coidado dos que viven nas rúas procurándolles refuxio e realizando campañas de esterilización e control sanitario dos mesmos.

Os responsables da entidade invitan aos veciños a acudir á presentación de ABAC con seus animais de compañía.

Charla gratuíta orientativa para entender a factura de electricidade

CHARLA GRATUÍTA ORIENTATIVA PARA ENTENDER A FACTURA DE ELECTRICIDADE

O próximo venres día 3 de agosto e o martes día 7 de agosto, na sala de usos múltiples do Polideportivo municipal a partir das 11.00 h ámbolos dous días, terá lugar unha charla gratuíta para entender a factura de electricidade organizada polo Concello.

As prazas son limitadas e, para asistir á charla, os interesados deberán realizar a inscrición na Oficina de Turismo ata mañá xoves 2 de agosto.

A Oficina de turismo permanecerá aberta hoxe e mañá de 9.00 a 14.30 e de 15.30 a 21.00 h.

O Goberno reitera a súa aspiración de redactar e executar un proxecto construtivo na Madalena

O GOBERNO REITERA A SÚA ASPIRACIÓN DE REDACTAR E EXECUTAR UN PROXECTO CONSTRUTIVO NA MADALENA

O goberno de Cedeira reitera que a súa aspiración e máis a da Plataforma en Defensa da Ría é a redacción e posterior execución dun novo proxecto construtivo para a praia da Madalena. É a resposta do equipo de goberno ante as novas críticas do Partido Popular polo estado actual do areal.

Sobre esta cuestión os responsables municipais poñen de manifesto que “a nosa idea é opoñernos a que se sigan gastando os cartos públicos en mover area para disimular o valado de contención de madeira durante os meses de verán, para que despois os temporais a leven de novo ao punto de partida” e consideran que os accesos ao areal “presentan un aspecto moi semellante ao que houbo ao longo dos últimos dez anos”. Entenden así mesmo que a solución pasa por abordar o problema de “maneira global e definitiva” e recordan que a día de hoxe “a pelota está no tellado da Demarcación de Costas”. Recordarase que o compromiso dos responsables da Demarcación pasa por financiar a redacción e execución do proxecto construtivo con cargo aos orzamentos xerais do Estado deste ano.

O goberno, que recorda que o PP é a única formación política con representación no Concello que non quixo tomar parte da plataforma, recoñece que “desde o Concello non deixamos de preocuparnos” e que se está a presionar diante das autoridades competentes, tanto na Demarcación de Costas en Galicia como no propio Ministerio -o alcalde entrevistouse co subdirector xeral para a Protección de la Costa-, para tratar de mudar a situación.

Tamén invita á oposición a abordar estes asuntos dentro dos mecanismos democráticos que existen dentro do Concello de Cedeira antes de airealos nos medios de comunicación e nas redes sociais sen que o goberno teña a posibilidade de explicarse.