Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello apoia na súa presentación á Asociación Benestar Animal de Cedeira

O CONCELLO APOIA NA SÚA PRESENTACIÓN Á ASOCIACIÓN BENESTAR ANIMAL DE CEDEIRA

O goberno local está xa a traballar coa Asociación Benestar Animal de Cedeira (ABAC), unha entidade á que hoxe acompañará no seu acto público de presentación, que terá lugar na Sala Áncora ás oito da tarde.

Os responsables municipais recoñecen que unha agrupación destas características estaba a faltar no municipio, polo que valoran a súa presenza na vila para tratar de evitar desde o maltrato ata o abandono de animais, ademais de impulsar actividades e proxectos para “reducir a proliferación descontrolada das colonias de gatos, diminuír os conflitos veciñais e mellorar a calidade de vida dos animais”.

Así tamén o confirmou o presidente da entidade, Luis Hernández Cubero, que apuntou a realización de cursos, talleres e actividades de lecer relacionadas coas mascotas, a implantación do método CES (captura, estelización e solta) para o control de das colonias felinas e o proxecto “Cedeira sen xaneiras”, que inclúe a realización dun censo de animais para posteriormente actuar sobre cada unha de elas.

A Asociación, que foi legalizada esta mesma semana, tamén liderará unha campaña de concienciación e sensibilización cidadá coa finalidade de inculcar unha actitude de respecto e de responsabilidade cara aos animais e, dacordo co Concello, establecer un protocolo de actuación para que os cans abandonados teñan unha segunda oportunidade antes de se entregar a unha protectora ou refuxio. A entidade promoverá así mesmo a adopción de gatos sociables e o coidado dos que viven nas rúas procurándolles refuxio e realizando campañas de esterilización e control sanitario dos mesmos.

Os responsables da entidade invitan aos veciños a acudir á presentación de ABAC con seus animais de compañía.