O Goberno reitera a súa aspiración de redactar e executar un proxecto construtivo na Madalena
O GOBERNO REITERA A SÚA ASPIRACIÓN DE REDACTAR E EXECUTAR UN PROXECTO CONSTRUTIVO NA MADALENA
O goberno de Cedeira reitera que a súa aspiración e máis a da Plataforma en Defensa da Ría é a redacción e posterior execución dun novo proxecto construtivo para a praia da Madalena. É a resposta do equipo de goberno ante as novas críticas do Partido Popular polo estado actual do areal.
Sobre esta cuestión os responsables municipais poñen de manifesto que “a nosa idea é opoñernos a que se sigan gastando os cartos públicos en mover area para disimular o valado de contención de madeira durante os meses de verán, para que despois os temporais a leven de novo ao punto de partida” e consideran que os accesos ao areal “presentan un aspecto moi semellante ao que houbo ao longo dos últimos dez anos”. Entenden así mesmo que a solución pasa por abordar o problema de “maneira global e definitiva” e recordan que a día de hoxe “a pelota está no tellado da Demarcación de Costas”. Recordarase que o compromiso dos responsables da Demarcación pasa por financiar a redacción e execución do proxecto construtivo con cargo aos orzamentos xerais do Estado deste ano.
O goberno, que recorda que o PP é a única formación política con representación no Concello que non quixo tomar parte da plataforma, recoñece que “desde o Concello non deixamos de preocuparnos” e que se está a presionar diante das autoridades competentes, tanto na Demarcación de Costas en Galicia como no propio Ministerio -o alcalde entrevistouse co subdirector xeral para a Protección de la Costa-, para tratar de mudar a situación.
Tamén invita á oposición a abordar estes asuntos dentro dos mecanismos democráticos que existen dentro do Concello de Cedeira antes de airealos nos medios de comunicación e nas redes sociais sen que o goberno teña a posibilidade de explicarse.