Arrinca a festa do percebe co certame de pesca infantil organizado polo Concello
ARRINCA A FESTA DO PERCEBE CO CERTAME DE PESCA INFANTIL ORGANIZADO POLO CONCELLO
Mañá é a primeira das duas xornadas que a vila de Cedeira dedica a exaltar o seu percebe, un produto do que se esperan repartir 800 racións e cuxo prezo oscilará entre 10 e 12 euros, segundo os organizadores. O Concello colabora na celebración do programa, cuxo peso principal recae na Confraría de Pescadores da localidade.
As celebracións, que nos últimos días xa se deixaron sentir con obradoiros infantís e visitas guiadas, terán hoxe o seu punto de partida cunha nova edición dunha xornada de pesca que, a partir das cinco, dará comezo no porto pesqueiro e da que serán protagonistas os nenos que desexen participar. A inscrición é gratuíta e todos os participantes recibirán un diploma. O Concello está ao fronte da organización do certame.
Os días grandes da festa arrincarán ás 11.30 horas de mañá sábado coa apertura dos postos de venta, que estarán abertos ata as sete da tarde e nos que os visitantes poderán adquirir racións de percebes, empanada e polbo. Ademais, o Museo Mares de Cedeira acollerá, ás 12.00 horas, unha xornada que leva por título “Mariscadoras e marisco. A nasa do polbo” e, a partir das 14.00 horas, a charanga Mekanika animará o encontro con pezas populares. Despois das 17.30 horas xa poderá ser utilizado polos nenos o parque de inchables que estará na praia de Area Longa.
Ao día seguinte practicamente repetirase o programa en canto á apertura dos postos de venda e á xornada sobre as nasas do polbo no museo, mentres que a actuación musical correrá a cargo da banda Vila de Cedeira.
Como na pasada edición, a organización ten contratado un tren turístico para trasladar aos visitantes desde a praza de Galicia ata o recinto festivo.