Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

A Xunta autoriza a reversión da estación de autobuses a prol do Concello de Cedeira

A XUNTA AUTORIZA A REVERSIÓN DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES A PROL DO CONCELLO DE CEDEIRA

A corporación de Cedeira vén de aprobar a reversión da antiga estación de autobuses que o goberno municipal prevé converter nun centro xuvenil.

O goberno municipal valora significativamente a consecución dun obxectivo “para o que se vén traballando desde hai tempo” e destaca de maneira especial o feito de recuperar unha propiedade que no seu día foi cedida á Xunta de Galicia e que agora volverá formar parte do patrimonio municipal cunha clara finalidade pública e social”.

O executivo local apunta así mismo á importancia de recuperar un inmoble que se atopaba en estado de abandono, así como o aforro que representa para as arcas municipais dispoñer dunha propiedad cuxo valor catastral é de 175.742,40 euros e o de construción está por enriba dos 131.000 euros. A superficie construída é de 334 metros cadrados. Tamén se sinala a ubicación da antiga estación de autobuses, situada nas proximidades do IES Punta Candieira, e se considera moi vantaxoso para os intereses do Concello dispoñer de só público de uso dotacional.

As obras previstas transformarán as antigas instalacións destinadas ao tránsito de viaxeiros nunhas estancias pensadas para favorecer o encontro da mocidade local. O Concello traballa cun orzamento estimado de 25.000 euros para recuperar o inmoble e prevé manter o espazo do contorno da estación como punto de parada de autobuses.
No ano1995, a corporación acordaba a cesión gratuíta á Xunta de Galicia dun terreo de 1.575 metros cadrados para a construción dunha estación de autobuses, sempre e cando a administración autonómica executase a obra nun prazo de cinco meses e o seu destino fose o previsto durante, polo menos, un período de trinta anos. De incumprir calquera destas dúas condicións a propiedade doada retornaría ao Concello, tal e como quedou reflectido en escritura notarial.

No mes de abril do 2017, o goberno municipal entendeu que houbo un claro incumprimento por parte da Xunta -a concesión para a explotación da estación de autobuses finalizou en decembro de 2016 sen que fora obxecto de nova adxudicación- polo que o executivo local tomou a decisión de iniciar o proceso de reversión do terreo ó patrimonio e a edificación construída nel ao Concello.

Mediante unha Providencia da Alcaldía (19.04.2017), amparada por un informe policial e acta notarial incluída, o executivo cedeirense defende a súa postura que finalmente tamén recoñece a secretaría xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda cando en marzo deste ano “autoriza a entrega por reversión ao Concello de Cedeira dun inmoble na rúa Deportes con todas as súas pertenzas e accesións”.

Cedeira recorda que os residuos orgánicos deben ir ao colector de cor verde

CEDEIRA RECORDA QUE OS RESIDUOS ORGÁNICOS DEBEN IR AO COLECTOR DE COR VERDE

O Concello de Cedeira, a través da Concellería de Medio Ambiente, considera necesario recordar as pautas que debe seguir calquera usuario do servizo de recollida de lixo para facer un bo uso do mesmo, unha mensaxe dirixida tanto á veciñanza como ás persoas que só están de paso.

Así, infórmase de que o colector de cor verde só está destinado a recibir os residuos orgánicos e a chamada “fracción resto”, que son todos aqueles que non se poden depositar nos contedores de papel/cartón (azul), envases lixeiros (amarelo) e vidro, sempre que non se trate de voluminosos, perigosos ou farmacéuticos.

Os responsables municipais lembran que o servizo de recollida de lixo está a funcionar todos os días, agás os domingos e festivos, e reiteran que existe a obriga de pechar hermeticamente as bolsas antes de botalas nos contedores, un xesto que nunca se poderá levar a cabo nas vésperas de domingos e festivos pero si no serán do resto dos días. Quérese así evitar que os colectores se enchan prematuramente ou despidan cheiro que poida molestar aos veciños/as que viven nas proximidades dos mesmos. O Concello tamén aconsella procurar que nas bolsas non vaian líquidos para tratar de reducir a posibilidade de que acaben espallándose e manchando os interiores dos colectores.

O equipo de goberno reitera a necesidade de que Concello e veciñanza colaboren para tratar de mellorar o funcionamento dos servizos públicos, así como o seu compromiso de limpar con máis frecuencia os contedores, especialmente durante os meses de verán.

Cedeira inviste 5.888,65 € na impermeabilización das gradas do campo de fútbol

CEDEIRA INVISTE 5.888,65 EUROS NA IMPERMEABILIZACIÓN DAS GRADAS DO CAMPO DE FÚTBOL

O Concello de Cedeira vén de poñer fin aos problemas de humidades que, como consecuencia dalgunhas gretas e do paso do tempo, estaban a poñer en perigo a conservación do material deportivo que se gardaba debaixo dunha das gradas do campo de fútbol municipal. A situación tamén afectaba á zona de vestiarios.

A solución adoptada polo goberno e executada pola empresa Ángel Grandal Calvo consistiu na impermeabilización de toda a grada, traballos que incluiron o lavado a presión, imprimación, colocación de fibra nas unións, aplicación de membrana e pintado.

A obra foi contratada por un importe de 5.886,65 euros. O executivo local valora a intervención porque contribúe á conservación das instalacións deportivas de carácter público e anuncia melloras no pavillón e na piscina e a construción de dous novos vestiarios no campo de fútbol municipal.