Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

A Consellería do Mar comprométese a iniciar os trámites cara á construcción da fábrica de xeo para o porto

A CONSELLERÍA DO MAR COMPROMÉTESE A INICIAR OS TRÁMITES CARA Á CONSTRUCIÓN DA FÁBRICA DE XEO PARA O PORTO

O goberno local e a Confraría de Cedeira arrincaron da Consellería do Mar un primeiro compromiso para comezar a tramitar a construción da fábrica de xeo, unha demanda que se vén reclamando desde hai tempo pola escasa eficiencia da actual para abastecer a frota local de baixura -formada por un 15 barcos- e máis a lonxa, e aos barcos que teñen como punto de amarre o porto cedeirense.

Da realización deste proxecto depende o futuro do porto de Cedeira. Así o entenden tanto o sector pesqueiro local como os responsables municipais, que onte mantiveron unha reunión coa titular da Consellería, Rosa Quintana. No encontro tamén se atopaban presentes a directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; o alcalde, Pablo Moreda Gil; o patrón maior, Eduardo González, e a secretaria da Confraría, María Rodríguez.

Os froitos desta reunión comezarán a materializarse nos próximos días co envío por parte da Confraría do orzamento desglosado do proxecto de construción da planta para a fabricación de xeo, valorado en algo máis de 850.000 euros (IVE non incluído). Inicialmente, a Xunta ten a intención de asumir integramente o investimento, para o que ten previsto recorrer ás axudas europeas.

Pablo Moreda Gil valorou este primeiro punto de partida para a realización dun proxecto moi demandado polos profesionais do sector e puxo de manifesto o total apoio da administración local para facer que sexa unha realidade o máis axiña posible. Moreda recordou a importancia que a pesca ten para a economía local e mostrou a súa total disposición a participar en todos os encontros que sexan necesarios para conquerir o devantido obxectivo. Non hai moito o alcalde tamén estivo presente na reunión co presidente de Portos, José Juan Durán Hermida, no que se falou do saneamento do porto e das melloras na recollida de lixo e da iluminación pública.

A Confraría de Pescadores de Cedeira estima nuns 100.000 euros os gastos anuais que está a xerar a actual fábrica polas moitas avarías que ten ao longo do ano -a factura correspondente ao último exercicio superou os 38.000 euros- e polo elevado consumo eléctrico pola utilización duns equipos pouco eficientes desde o punto de vista enerxético, cuxo importe anual está en 55.500 euros. Desde o pósito cedeirense considérase que o futuro da pesca pasa polo funcionamento dunha fábrica que poida dar resposta ás necesidades que demanda a frota, ao tempo que se valora este primeiro compromiso por parte da Xunta para seguir avanzando nese obxectivo.

 

A Policía Local de Cedeira realiza unha serie de recomendacións de seguridade para a Cabalgata de Reis

A POLICÍA LOCAL DE CEDEIRA REALIZA UNHA SERIE DE RECOMENDACIÓNS DE SEGURIDADE PARA A CABALGATA DE REIS

Desde a área de seguridade do Concello de Cedeira, e de cara á cabalgata de Reis desta tarde, emítense unha serie de recomendacións para nenos, nenas e maiores co obxectivo de mellorar a seguridade e o desfrute de todos os asistentes:

1.- Seguir as indicacións da Policía Local e a AV Protección Civil.

2.- Antes de saír de casa escriba o seu teléfono de contacto na man ou brazo do menor.

3.- Ensinar aos máis pequenos que facer no caso de que se perdan: buscar a un axente de Policía Local ou voluntario/a de Protección Civil e pedir axuda.

4.- Escoller un lugar seguro onde esperar o paso da cabalgata e non invadir a calzada ao paso da mesma.

5.- Manter aos menores baixo vixilancia intensiva, non permitir que se afasten do seu lado, e manter unha distancia prudente das carrozas.

6.- Non cruce entre carrozas nin permita que o seu fillo/a o faga. Non permita que os/as nenos/ás se introduzan debaixo das carrozas aínda que estean paradas.

7.- Non se suba nin suba aos/ás nenos/as a sitios elevados para ver mellor as carrozas. É un risco innecesario.

8.- Non use paraugas do revés para recoller caramelos. O seu mal uso é perigoso. Non sexa acaparador nin ensine aos/ás nenos/as a selo.

9.- Manteña unha especial atención ás persoas que acudan ás cabalgatas con carros de bebé e con aqueles que teñan mobilidade reducida, persoas maiores ou enfermos para facilitar o seu tránsito e evitar incidencias no paso.

10.- Na recepción real posterior ao desfile, garde a cola pacientemente e ensine aos/ás nenos/as para selo. A ansiedade non lles beneficia.

11.- Unha vez finalizado o acto ou en caso de ordenarse unha evacuación, o máis recomendable para evitar situacións de emerxencia é abandonar o lugar de forma tranquila, rápido pero sen carreiras, e elixindo zonas pouco concorridas.

12.- Se se perde un menor ou observa calquera incidencia, comuníqueo á Policía Local 092 ou aos/ás voluntarios/as de Protección Civil 112.

Fonte: Policía Local de Cedeira

Pode ver o artigo completo na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Recomendacións de seguridade da Policía Local de Cedeira

O Pleno aprobou os plans provinciais e a compra do edificio das sindicais para ofrecerllo á Xunta a fin de aumentar o centro de saúde

O PLENO APROBOU OS PLANS PROVINCIAIS E A COMPRA DO EDIFICIO DAS SINDICAIS PARA OFRECERLLO Á XUNTA A FIN DE AUMENTAR O CENTRO DE SAÚDE

O pleno de Cedeira aprobou os proxectos incluídos no POS+2019 e no Plan Complementario da Deputación da Coruña, que suman un total de 369.840,64 euros. Entre as actuacións previstas está a instalación dunha nova rede de saneamento nas rúas Estrada, Valdoviño, San Sadurniño e Travesía da Praia, a mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública na avenida Castelao e a extensión da rede de saneamento a Vilacacín.

O proxecto da rede de saneamento, orzamentado en máis de 191.000 euros e cunha aportación municipal de 94.700 euros, dará lugar a la demolición da rede existente -a base de tubaxes de fibrocemento- e á colocación dunha separativa para evitar os continuos atascos que agora se producen polo mal estado e a escasa pendente das canalizacións. A intervención rematará co asfaltado da rúa.

A obra de mellora enerxética que se pretende levar a cabo na avenida Castelao require dun investimento de 55.421,99 euros e basicamente consistirá na substitución das luminarias existentes por outras de tecnoloxía led. A antigüidade e o consumo das actuais, así como a contaminación lumínica que produce están entre as razóns que xustifican o investimento, segundo o goberno municipal.

A extensión da rede de saneamento en Villacacín chega aos 77.000 euros de investimento e dará lugar á instalación de tubaxe ao longo de 640 metros e a construción de 21 pozos de rexistro para poñer en funcionamento un servizo do que actualmente carece este núcleo rural da parroquia de Cedeira.

Na sesión plenaria tamén se adoptou a decisión de adquirir á Consellería de Medio Rural a planta baixa, a terceira e o baixo cuberta do edificio das sindicais, por importe de 60.913,93 euros, para garantir a ampliación do actual centro de saúde.

Trátase dun proxecto que no seu día deu lugar ao pronunciamento do Parlamento Galego, no sentido de instar á Xunta a dialogar con Concello para chegar ao acordo, así como a reiteradas xestións, a todos os niveis, por parte do goberno co fin de incrementar ata un 40% o espazo construtivo do actual centro de saúde, unha necesidade que mesmo foi recoñecida polo propio Sergas.

Foi no seu momento a propia Dirección Xeral de Recursos Económicos a que falou da necesidade de ampliar as actuais instalacións “mediante a cesión dun terreo o ben mediante a cesión de espazos anexos xa construídos que puideran utilizarse para asistencia sanitaria”, unha petición que tivo como resposta por parte da corporación, o inicio do expediente para a adquisición das tres plantas que son propiedade da Xunta para, coas que xa son do Concello, ceder todo o inmoble á Consellería de Sanidade para aumentar unhas instalacións moi deficientes en moitos aspectos.

Desde o equipo de goberno destácanse as deficiencias estruturais no servizo de urxencias, así como a falla de espazos para dispoñer de salas de reunións, almacén, sala acondicionada para cirurxía menor, reubicación da área de pediatría e mesmo mellorar a accesibilidade á zona de consultas.