Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O Ministerio de Transición ecolóxica saca a licitación o proxecto construtivo e o estudo ambiental da praia

O MINISTERIO DE TRANSICIÓN ECOLÓGICA SACA A LICITACIÓN O PROXECTO CONSTRUTIVO E O ESTUDO AMBIENTAL DA PRAIA

O goberno de Cedeira recibiu con gratitude e optimismo a licitación, por parte do Ministerio de Transición Ecológica, do proxecto construtivo e do estudio de avaliación ambiental da praia da Madalena, por considerar que “os seus resultados dirannos a orixe do problema para así tamén poder darlle a solución que demanda”, segundo declarou o alcalde, Pablo Moreda Gil.

O importe do contrato supera os 100.000 euros (91.675 euros + IVE) e a licitación do mesmo correspóndelle á Dirección General de Sostenibilidade de la Costa y del Mar. O prazo de execución é de doce meses e o período para a recepción das ofertas finaliza o día 26 do presente mes de febreiro.

O executivo destaca o importe do investimento e o cumprimento, por parte do Ministerio e da Demarcación de Costas de Galicia, do compromiso que no seu día adquiriron co goberno local de financiar uns informes que son claves para analizar, no seu conxunto, a deterioración que está a afectar á praia.

Unha noticia moi importante, segundo os responsables municipais, para o municipio e mesmo para a Plataforma en Defensa da Ría de Cedeira, para as agrupacións políticas (PSOE, BNG, Anova e Cedeira pola Esquerda) e para os veciños e veciñas que veñen secundando a postura oficial do Concello de “abordar o problema de maneira global e definitiva”. O goberno ten agora para todos eles palabras de agradecemento por apoiar unha política coa que se trata de “garantir unha praia para toda a vida”.

A conservación do areal da Madalena é un asunto prioritario para o goberno cedeirense desde a súa chegada á Alcaldía. A denuncia de actuacións pouco respectuosas co medio ambiente, así como a realización do proxecto construtivo e do estudo de avaliación ambiental, agora en proceso de contratación, forman parte da política levada a cabo a través dun longo proceso de reunións e escritos entre administracións, polo que “hoxe é un bo día para estar contentos e esperanzados”, segundo apuntou o rexedor municipal.

O goberno municipal destaca a boa sintonía co Sergas cara a ampliación do Centro de Saúde

O GOBERNO LOCAL DESTACA A BOA SINTONÍA CO SERGAS CARA Á AMPLIACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE

O goberno de Cedeira segue a dar pasos firmes cara á ampliación do Centro de Saúde. Onte mesmo o alcalde, Pablo Moreda Gil, reuníase co xerente de Xestión Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, para darlle a coñecer o acordo plenario que deu lugar á adquisición de propiedades anexas ao actual edificio e para analizar, de forma conxunta, os trámites e as accións precisas para dotar de máis recursos sanitarios á vila de Cedeira.

Así, o Concello xa remitiu hai uns días a Patrimonio da Xunta de Galicia a documentación relativa á compra de tres plantas do edificio das vivendas sindicais que, xunto ás que xa eran propiedade do Concello, serán cedidas á Consellería de Sanidade e que incrementarán ata nun 40% o espazo construtivo do actual Centro de Saúde, un servizo asistencial falto de recursos para facer fronte ás necesidades reais da veciñanza e mesmo dos visitantes e turistas ocasionais.

Desde o equipo de goberno destácanse, entre outros problemas, as deficiencias estruturais no servizo de urxencias (PAC), a falla dunha sala acondicionada para cirurxía menor, a necesidade de reubicar a área de pediatría e mesmo a de mellorar a accesibilidade á zona de consultas. No encontro de onte tamén se acordou celebrar unha reunión conxunta entre técnicos da Xunta e do Concello, unha vez que estean resoltos todos os trámites, así como unha posible visita á vila de Cedeira do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, para analizar sobre o terreo a necesaria ampliación do actual Centro de Saúde.

O goberno municipal destacou a “boa sintonía” que hai entre o Sergas e o executivo local para acometer o proxecto de ampliación e expresou a satisfaccion que a día de hoxe existe entre os responsables municipais polos avances conqueridos cara á consecución dun obxectivo “bo para o pobo e necesario para garantir unha sanidade de calidade”.

O acordo plenario que deu lugar á compra das tres plantas do edificio das sindicais foi adoptado por unanimidade na sesión celebrada o día 26 de decembro e a compra pechouse pola cantidade de 60.913,93 euros. A planta baixa, a terceira e o baixo cuberta que foron adquiridas polo Concello eran propiedade da Consellería de Medio Rural.

Cedeira inviste máis de 12.400 euros en substituír as 32 luminarias do pavillón por outras de maior potencia

CEDEIRA INVISTE MÁIS DE 12.400 EUROS EN SUBSTITUÍR AS 32 LUMINARIAS DO PAVILLÓN POR OUTRAS DE MAIOR POTENCIA

O Concello de Cedeira vén de mellorar a iluminación do pavillón polideportivo substituíndo as luminarias actuais por outras de maior potencia. É a resposta do goberno municipal á demanda que viñan realizando tanto os usuarios como os clubs que utilizan as devanditas instalacións para os seus adestramentos e competicións. Esta reclamación ten o seu orixen no ano 2013 cando as luminarias de 400 w foron reemplazadas polas que agora acaban de se retirar.

O proxecto, polo tanto, consistiu na substitución das 32 luminarias actuais de 108 w de potencia por outras de 200, unha mellora que se fixo en base ao estudo lumínico realizado en 2018 pola empresa Grupo Energal para garantir unha visibilidade óptima para o desenvolvemento das actividades deportivas.

A obra, xa executada, foi realizada pola empresa Hallamann Energy e o seu importe ascendeu a 12.465,13 euros. Trátase de luminarias tipo campana, Factory 200 w 5500k.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, destacou a satisfacción que a día de hoxe existe entre os usuarios do pavillón e o goberno local pola cobertura e a garantía que representa a obra executada cara á celebración de competicións e mesmo adestramentos nunhas instalacións fundamentais para o deporte local. Moreda recordou que a esta situación se chega pola decisión do anterior goberno de rebaixar a potencia, “deixando en precario a luminosidade da pista polideportiva”.