Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O CONCELLO INVISTE PRETO DE 60.000€ NA MELLORA DO FIRME DO VIAL QUE UNE O BARRAL COA ESTRADA AC-566

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación para levar a cabo a renovación do aglomerado do vial que vai desde O Barral ata a AC-566. É unha actuación que conta cun presuposto de 57.704€ (IVE incluído) e que servirá para mellorar o firme da estrada e poñer ao día a sinalización horizontal, mellorando con elo a seguridade do tráfico rodado.

O vial ten un trazado practicamente recto de case un kilómetro de lonxitude, cun ancho medio de 3,7 metros. Na actualidade o asfalto está deteriorado e hai un ancho insuficiente para o paso de dous vehículos. A actuación que vai acometer o Concello de Cedeira incluirá a limpeza das marxes da plataforma e a adecuación de novas gabias, para o aproveitamento de toda a plataforma. Extenderase unha nova capa de asfalto e procederase a pintar as liñas brancas que delimitan o vial para mellorar no posible a seguridade da circulación.

As empresas interesadas poden presentar ofertas ata o vindeiro 21 de marzo. O procemento é aberto simplificado e o plazo de execución é dun mes.

O CONCELLO DE CEDEIRA OBTÉN PRETO DE 700.000€ DO POS+2023 PARA NOVOS INVESTIMENTOS E GASTOS CORRENTES

O pleno do Concello de Cedeira aprobou por unanimidade na súa última sesión a participación no Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña (POS+2023), do que a vila vai recibir neste exercicio un total de 698.723,07€, xunco coa achega do POS+Adicional para gastos sociais extraordinarios, por valor de 68.099,97€. O 66,5% do POS+2023 vai destinada a investimentos e o resto ao financiamento de gastos correntes.

No plan están consignados 130.338,45€ para o proxecto de “Mellora de firmes en Mundín, As Bieteiras, Santallamar e Vilacacín e nas rúas C. Ponthus e Cuartel”. É unha actuación que abrangue a renovación da calzada en catro camiños e dúas rúas que suman en total preto de 2,5 quilómetros.

No mesmo programa do POS+2023 están tamén outros tres proxectos dentro do Plan Complementario. Trátase da “Renovación de pavimentos nas rúas Ortigueira, Río Condomiñas, Río Lamas e Río Tixón”, presupostado en 130.000€ e que dotará de novas beirarrúas, así como dunha nova rede de pluviais e estes viais, mellorando tamén a súa accesibilidade. Dentro deste mesmo proxecto vai incluída tamén unha mellora do firme nun tramo da Avenida de España.

O segundo proxecto é o de “Reforma e adecuación do sistema de saneamento existente en San Román”, con 59.997,96€ de presuposto e dirixido a subsanar as eivas técnicas deste equipamento para que poida, realmente, alcanzar o rendemento de depuración para o que foi deseñada e cumplir coa normativa vixente.

Por último, o plan provincial permitirá realizar a “Reforma e conservación do edificio escolar da Corredoira”, cun financiamento de 144.901,04€, coa finalidade de resolver uns problemas de humidade que presenta o inmoble na cuberta e na fachada e acondicionar os vestiarios.

A achega do POS+Adicional, para gastos sociais extraordinarios, servirá para reforzar o persoal técnico e administrativo adscrito aos Servizos Sociais do Concello, así como ao incremento das contías destinadas pola administración local a axudas de emerxencia para persoas soas ou en risco de exclusión social e á compra de equipamento para un mellor desenvolvemento dos programas dos servizos sociais sociocomunitarios. Cómpre recordar que nos últimos anos o Concello de Cedeira elevou os orzamentos adicados a esta materia, chegando no presente 2023 a 1.285.300€.

O CONCELLO ADQUIRE UNHA FINCA EN FRONTE DO CEMITERIO DE RÉGOA PARA HABILITAR UN APARCADOIRO PÚBLICO

O Concello de Cedeira acaba de asinar a compra dunha parcela de terreo situada en fronte do cemiterio parroquial de Régoa coa finalidade de habilitar alí un aparcadoiro público. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que a actuación “resposta a unha demanda que nos expresou a veciñanza, porque o cemiterio está nunha zona empinada e sen espazo para os vehículos”.

A parcela ten 584 metros cadrados e está dividida en dúas fincas con referencias catastrais diferentes –unha de 291 e outra de 293 metros cadrados. O Concello adquiriu a superficie polo seu prezo de taxación, 6.377,44€, e o proxecto pasa por habilitar nela 22 prazas de estacionamento. A finca resulta acaída para abordar a obra tanto pola súa ubicación como por ser máis chá que as colindantes.

Moreda Gil amosouse contento de poder solucionar unha eiva da veciñanza, neste caso da parroquia de Regoa. “Sempre somos sensibles ás demandas que se nos trasladan e sempre que é posible tratamos de darlles resposta”, comentou o alcalde.