Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ADQUIRE UNHA FINCA EN FRONTE DO CEMITERIO DE RÉGOA PARA HABILITAR UN APARCADOIRO PÚBLICO

O Concello de Cedeira acaba de asinar a compra dunha parcela de terreo situada en fronte do cemiterio parroquial de Régoa coa finalidade de habilitar alí un aparcadoiro público. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que a actuación “resposta a unha demanda que nos expresou a veciñanza, porque o cemiterio está nunha zona empinada e sen espazo para os vehículos”.

A parcela ten 584 metros cadrados e está dividida en dúas fincas con referencias catastrais diferentes –unha de 291 e outra de 293 metros cadrados. O Concello adquiriu a superficie polo seu prezo de taxación, 6.377,44€, e o proxecto pasa por habilitar nela 22 prazas de estacionamento. A finca resulta acaída para abordar a obra tanto pola súa ubicación como por ser máis chá que as colindantes.

Moreda Gil amosouse contento de poder solucionar unha eiva da veciñanza, neste caso da parroquia de Regoa. “Sempre somos sensibles ás demandas que se nos trasladan e sempre que é posible tratamos de darlles resposta”, comentou o alcalde.