Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O CONCELLO LICITA OBRAS DE AMPLIACIÓN DA BEIRARRÚA E CREACIÓN DA REDE DE PLUVIAIS NA RÚA REGUEIRO

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de licitación da obra de “Melloras na mobilidade peonil e na rede de drenaxe da rúa Regueiro”. Cun orzamento de 70.664,56€, esta actuación é un avance máis no esforzo do goberno local de dotar ao casco urbano cunha rede separativa, para conquerir unha xestión do saneamento máis sostible e respectuosa co medio ambiente, ao tempo que se vai anchear a beirarrúa que percorre o vial.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que contar cunha rede separativa, que xestione por un lado as augas residuais das vivendas e por outra as pluviais, tanto da propia rúa como das baxantes das casas, fai que a rede de saneamento non sufra sobrecargas en momentos de chuvia e que a EDAR funcione mellor. Nesa liña, o Concello de Cedeira acomete esta nova obra, como outras que se teñen levado a cabo xa no casco urbano, aproveitando para mellorar a mobilidade coa ampliación da beirarrúa para o tránsito peonil.

A rúa Regueiro percorre uns 120 metros e ten tráfico rodado nunha única dirección, con aparcamento en liña e unha beirarrúa. As obras incluirán a instalación dunha nova rede de pluviais, á que se conectarán os sumideiros e tamén as baixantes das casas, así como a ampliación da zona para o tránsito peonil, que vai pasar a ter 1,40 metros de ancho e vai mellorar sensiblemente as súas condicións de accesibilidade.

O concurso adxudicarase polo procedemento aberto simplificado e as empresas interesadas teñen ata o día 21 desde mes de outubro para presentar as súas ofertas. O prazo de execución da obra será de dous meses.

A DEPUTACIÓN APROBOU O NOVO ORZAMENTO PARA AS OBRAS DA ESTRADA PROVINCIAL EN REGO DE TIDE

O goberno local de Cedeira quere expresar a súa satisfacción pola aprobación no último pleno da Deputación Provincial da revisión de prezos que precisaba o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada DP-2206 en Rego de Tide. Así, finalmente a administración provincial vai destinar un orzamento de 406.000€ a esta actuación, que prevé licitar de inmediato.

Cómpre recordar que o proxecto xa fora aprobado pola Diputación en maio pasado cun orzamento de 350.305€. Porén, o proxecto estaba presupostado desde había dous anos, tempo no que a tramitación se prolongou pola implicación de diferentes organismos, entre eles Augas de Galicia. Así, chegado o momento de licitala fíxose necesaria unha actualización do prezo.

As obras van desenvolverse entre os puntos quilométricos 0+920 e 1+220 da estrada provincial, que é unha vía moi transitada porque leva ao núcleo turístico de San André de Teixido. A actuación vai modificar o trazado para suavizar a curva de Rego de Tide, construíndo un terraplen e colocando un marco de formigón armado para darlle continuidade ao regato que corre por este punto. Para levar adiante o proxecto foi tamén necesaria a expropiación de preto de 5.000 metros cadrados de terreos a tres propietarios, cun gasto adicional doutros 29.323,20€.

O alcalde, Moreda Gil, destacou que a obra mellorará sensiblemente a seguridade vial porque os vehículos, e especialmente os moitos autobuses que circulan por alí, van ter máis espazo e maior visibilidade.

 

ADXUDICADA POR MÁIS DE 150.000€ A OBRA DE SUBSTITUCIÓN DO PAVIMENTO DO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL DE CEDEIRA

A mesa de contratación do Concello de Cedeira adxudicou a obra de substitución do pavimento do Polideportivo Municipal por un presuposto de 151.247,77€ (IVE incluído), que supón unha rebaixa do 19,2% respecto ao prezo de licitación. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, remarcou que se trata dunha intervención moi importante para poñer ao día a cancha de xogo dunhas instalacións que teñen un uso moi intenso. “O novo solo de madeira que se vai colocar está especialmente deseñado para absorber mellor os impactos dun uso deportivo, con todo o positivo que iso vai ser para os xogadores e xogadoras”, subliñou.

Oito empresas presentaron oferta ao proceso de licitación deste proxecto. A obra, como se recordará, será financiada nun 80% pola Deputación da Coruña e no 20% restante polo Concello, segundo o convenio de colaboración que asinaron o alcalde e o presidente provincial no pasado mes de xullo. O goberno local está moi satisfeito de que vaia a executarse este proxecto, no que comezou xa a traballar no ano 2018, cando encargou o primeiro informe técnico sobre a situación do pavimento do pavillón deportivo municipal.

A actuación abranque a substitución do solo de madeira da cancha de xogo –de 1.211,37 metros cadrados- e tamén do pavimento de linóleo das zonas anexas –165 metros cadrados-. Ademais, no proxecto vai incluída a substitución do marcador actual por un novo que se adaptará a todas as disciplinas deportivas que se desenvolven no polideportivo. Será un marcador dixital, de entre seis e dez metros cadrados, cun sistema de iluminación led que permitirá unha óptima visualización desde calquer punto da instalación. Virá cunha consola de control adaptada a todos os deportes, na que ao seleccionar cada disciplina xa se configurará a pantalla cos parámetros acaídos de tempo e puntuación, e tamén coa conexión á correspondente bucina.

Levantarase o chan actual de madeira, que está formado por tablas de laminado directamente colocadas sobre o formigón, e colocarase o novo, sobre rastreis e asentado nun conxunto de tiras de goma coas que se evitará a deformación da superficie e se garantirá unha mellor absorción dos impactos. Nas zonas anexas á cancha, nas que se desenvolven tamén habitualmente actividades deportivas, colocarase un novo pavimento sintético, desta volta cunha capa de impermeabilización por debaixo que lle dará maior durabilidade.

Moreda Gil recordou que o polideportivo municipal ten máis de trinta anos. “O Concello acomete moitos traballos de mantemento ao longo do ano, pero era precisa a colaboración da Deputación para afrontar unha intervención desta dimensión, polo que queremos unha vez máis agradecer o seu apoio a Cedeira”.