Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

Cedeira adxudica o proxecto de saneamento nas Pontigas por un importe de 80.000 euros

O Concello de Cedeira acaba de adxudicar, por importe de 80.000 euros (IVE incluído), o proxecto de saneamento que dará servizo aos 120 habitantes do lugar das Pontigas, unha intervención moi valorada polo equipo de goberno “porque axuda a mellorar a calidade de vida dos veciños/as e garante o correcto tratamento das augas residuais”. Na actualidade, as casas veñen utilizando foxas sépticas.

Urespa Proyectos y Obras SL é a empresa contratada para levar a cabo unha obra cuxo prazo de execución é de cinco meses e que se desenvolverá desde a saída do núcleo urbano de Cedeira cara a San Andrés de Teixido.

O proxecto dará lugar á colocación dunha rede de case 800 metros de lonxitude e á construción dun total de 21 pozos de rexistro para garantir a recollida e o transporte das augas residuais desde as vivendas ata o sistema de depuración. Este será de fitodepuración en balsa húmida, cuxa principal característica é o tratamento das augas residuais a base de plantas acuáticas con capacidade para procesar e sintetizar os residuos e materias orgánicas que previamente serán sometidos a procesos de decantación, clarificación e filtros biolóxicos nunha foxa séptica. A que entrará en servizo nas Pontigas terá capacidade para acoller 35.000 litros. Esta cantidade garante o tratamento diario de 300 litros por habitante.

Desde o executivo local destácase que o sistema elixido axústase perfectamente ás características da obra, tanto por ser respectuoso co medio ambiente como polos seus reducidos custos.

O Concello completará este ano a substitución de lámpadas de vapor de sodio por tecnoloxía led no centro urbano da Vila Cedeirense

O goberno de Cedeira licita as obras que levarán a tecnoloxía LED a prácticamente todo o centro urbano da vila. Con cargo a un orzamento conxunto de 65.855,53 euros (IVE non incluído) o Concello abre o prazo de presentación de ofertas para a substitución dun total de 190 lámpadas de vapor de socio, das que máis da metade corresponden ao proxecto que se executará na avenida de Castelao.

Esta intervención, cuxo investimento supera os 45.000 euros (IVE non incluído), dará lugar á retirada dun total de 97 lámpadas VSAP de 50 e 85 W para a posterior instalación de 47 bombillas LED de 27 W de potencia e 54 de 74W. O prazo de execución da obra é de tres meses e coa súa realización o Concello garante un alto grao de eficiencia na instalación existente, ao tempo que reduce a contaminación lumínica, os gastos de mantemento e o consumo eléctrico. Este último pode representar ata un 70% do actual.

A segunda actuación desenvolverase nas rúas Nosa Señora do Mar, Regueiro, Salinas, Hórreo, Somozas, Silva, Gaias da Area e López Cerdón a río da Veiga, así como na travesía da Silva e na avenida Zumalacárregui. Serán un total de 91 lámpadas de tecnoloxía LED as que saen a contratación por un importe superior aos 20.000 euros (IVE non incluído). Neste caso, o prazo de execución é de dous meses e as mellores prestacións económicas e ambientais da tecnoloxía LED fronte ao vapor de sodio volven ser as argumentacións do goberno cedeirense para a realización deste proxecto.

Nel faise constar que o maior número de lámpadas, cun total de 26, estarán operativas antes de final de ano no tramo comprendido entre a rúa López Cerdón e a zona do río de Veiga, mentres que nas rúas Gaias de Area, Silva, Nosa Señora do Mar e avenida Zumalacárregui serán substituídas 14, 13, 12 e 10, respectivamente. As 16 restantes instalaranse na rúas Regueiro (9), Salinas (3), Hórreo (1) e Somozas (1). Á travesía da Silva corresponderanlle dúas. En total serán 26 lámpadas de 57 W, 12 de 35 e 53 de 58W.

En breve, estes traballos de substitución de lámpadas de vapor de socio por bombillas LED terán continuidade na zona rural, na que está previsto distribuír máis de 900 unidades.

O prazo para a presentación de ofertas das obras no centro urbano da vila rematará o día 21 do presente mes.

Reanudase a todos os efectos o funcionamento da ZONA AZUL no municipio de Cedeira

O pasado día 18 de marzo foi emitido un bando da Alcaldía polo que se facía saber á veciñanza que ante a crise provocada polo virus COVID-19 (Coronavirus), á vista da declaración do estado de alarma efectuada polo Goberno da Nación, e coa fin de contribuír e facilitar a limitación da mobilidade, quedaba suspendida a ZONA AZUL no municipio de Cedeira ata o remate do estado de alarma.

Unha vez rematado o estado de alarma e xa dentro da “nova normalidade”, infórmase aos veciños e veciñas que a partir do vindeiro luns, 6 de xullo, reanudarase a todos os efectos o funcionamento da ZONA AZUL no municipio de Cedeira.