O Concello completará este ano a substitución de lámpadas de vapor de sodio por tecnoloxía led no centro urbano da Vila Cedeirense
O goberno de Cedeira licita as obras que levarán a tecnoloxía LED a prácticamente todo o centro urbano da vila. Con cargo a un orzamento conxunto de 65.855,53 euros (IVE non incluído) o Concello abre o prazo de presentación de ofertas para a substitución dun total de 190 lámpadas de vapor de socio, das que máis da metade corresponden ao proxecto que se executará na avenida de Castelao.
Esta intervención, cuxo investimento supera os 45.000 euros (IVE non incluído), dará lugar á retirada dun total de 97 lámpadas VSAP de 50 e 85 W para a posterior instalación de 47 bombillas LED de 27 W de potencia e 54 de 74W. O prazo de execución da obra é de tres meses e coa súa realización o Concello garante un alto grao de eficiencia na instalación existente, ao tempo que reduce a contaminación lumínica, os gastos de mantemento e o consumo eléctrico. Este último pode representar ata un 70% do actual.
A segunda actuación desenvolverase nas rúas Nosa Señora do Mar, Regueiro, Salinas, Hórreo, Somozas, Silva, Gaias da Area e López Cerdón a río da Veiga, así como na travesía da Silva e na avenida Zumalacárregui. Serán un total de 91 lámpadas de tecnoloxía LED as que saen a contratación por un importe superior aos 20.000 euros (IVE non incluído). Neste caso, o prazo de execución é de dous meses e as mellores prestacións económicas e ambientais da tecnoloxía LED fronte ao vapor de sodio volven ser as argumentacións do goberno cedeirense para a realización deste proxecto.
Nel faise constar que o maior número de lámpadas, cun total de 26, estarán operativas antes de final de ano no tramo comprendido entre a rúa López Cerdón e a zona do río de Veiga, mentres que nas rúas Gaias de Area, Silva, Nosa Señora do Mar e avenida Zumalacárregui serán substituídas 14, 13, 12 e 10, respectivamente. As 16 restantes instalaranse na rúas Regueiro (9), Salinas (3), Hórreo (1) e Somozas (1). Á travesía da Silva corresponderanlle dúas. En total serán 26 lámpadas de 57 W, 12 de 35 e 53 de 58W.
En breve, estes traballos de substitución de lámpadas de vapor de socio por bombillas LED terán continuidade na zona rural, na que está previsto distribuír máis de 900 unidades.
O prazo para a presentación de ofertas das obras no centro urbano da vila rematará o día 21 do presente mes.