Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

OS CONCELLOS DA MANCOMUNIDADE ACORDAN MEDIDAS SOBRE O USO DOS PARQUES INFANTÍS ANTE O EMPEORAMENTO DA PANDEMIA

Os alcaldes dos nove municipios que forman parte da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol acordaron onte coordinar medidas respecto dos parques infantís no marco das restricións debidas á covid-19 e tendo en conta a gravidade da situación. Os rexedores analizaron conxuntamente as opcións en relación ao uso destes espazos dedicados ao lecer dos nenos e finalmente decantáronse maioritariamente por pechalos, de xeito que en Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Narón, Neda e Valdoviño non será posible acceder a eles.

Ao estudar o asunto tívose en conta que, se ben é importante que os concellos da Mancomunidade coordinen as súas decisións, cada un pode presentar características e situacións distintas e necesitar adoitar medidas diferentes, como nesta ocasión foi o caso de Mugardos, un dos municipios de menor extensión da provincia, polo que nese concello os parques infantís permanecerán abertos.

A orde da Xunta de Galicia do pasado martes establece que os parques infantís poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados da área total do recinto e que deberán aplicarse as medidas de hixiene e prevención establecidas, especialmente no que se refire á limpeza e desinfección diarias dos xogos e ou outro mobiliario urbano de uso compartido. Pero nesta ocasión os alcaldes tamén tiveron en conta a gravidade da situación que soporta a área sanitaria de Ferrol durante as últimas semanas e a necesidade perentoria de interromper a cadea de contaxios.

O CONCELLO RECUPERA A FONTE DE VILAR

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, informa de que remataron as obras de rehabilitación integral da Fonte de Vilar, un lavadoiro público que caera en desuso e estaba en situación de abandono. A actuación serviu para recuperar os elementos de pedra do conxunto e reconstruír o teito con madeira e tella do país, devolvéndolle á parroquia un elemento singular do seu patrimonio arquitectónico e da súa historia, posto que as fontes foron tradicionalmente lugares de encontro da veciñanza, fundamentalmente das mulleres, que forman parte da memoria común.

O alcalde subliñou que esta é unha intervención inscrita no plan do goberno local para recuperar as fontes e lavadoiros públicos da localidade, no que con anterioridade se recuperaran as fontes de Fernando Lago e da Area. “Rehabilitar estes elementos é tamén conservar a nosa historia e o noso patrimonio”, comentou Moreda.

O Concello investiu en total 10.092,61€ (IVE incluído) na rehabilitación da Fonte de Vilar. Por un lado, comprouse á empresa Picos y Villadóniga a madeira para a recuperación do tellado, por 3.248,85€, e por outra encargáronse a Alberto Rodríguez Aneiros, por 6.843,76€, os traballos.

Neles incluiuse a retirada da antiga cuberta, o levantamento do recebado para deixar á vista a pedra e a reparación da tubaxe da auga, así como a colocación da nova estrutura de madeira que sustenta o teito, ao que se lle deu máis altura, e das placas de fibrocemento e a tella do país que van sobre a mesma. Completouse a actuación coa colocación dun novo pavimento de pedra.

TRABALLOS DE ACONDICIONAMENTO DO CAMIÑO MUNICIPAL NO LUGAR DE ARBA

O Concello de Cedeira informa da recente execución duns traballos de acondicionamento do camiño que conecta co núcleo rural de Arba, unha actuación que forma parte das tarefas de coidado e mantemento das infraestruturas de titularidade municipal e que supón unha mellora da seguridade vial para a circulación de vehículos por dito vial. A administración local investiu 7.502€ (IVE incluído) nesta actuación.

A empresa Villasuso Ortegal ocupouse de realizar as obras, que consistiron no acondicionamento do camiño por medios mecánicos, a limpeza de gabias e a posterior pavimentación cun dobre rego asfáltico.

O camiño ten unha lonxitude duns 400 metros e atopábase, antes desta intervención, nun estado de sensible deterioro, con fochancas e fendas que a choiva fora agravando.