Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO RECUPERA A FONTE DE VILAR

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, informa de que remataron as obras de rehabilitación integral da Fonte de Vilar, un lavadoiro público que caera en desuso e estaba en situación de abandono. A actuación serviu para recuperar os elementos de pedra do conxunto e reconstruír o teito con madeira e tella do país, devolvéndolle á parroquia un elemento singular do seu patrimonio arquitectónico e da súa historia, posto que as fontes foron tradicionalmente lugares de encontro da veciñanza, fundamentalmente das mulleres, que forman parte da memoria común.

O alcalde subliñou que esta é unha intervención inscrita no plan do goberno local para recuperar as fontes e lavadoiros públicos da localidade, no que con anterioridade se recuperaran as fontes de Fernando Lago e da Area. “Rehabilitar estes elementos é tamén conservar a nosa historia e o noso patrimonio”, comentou Moreda.

O Concello investiu en total 10.092,61€ (IVE incluído) na rehabilitación da Fonte de Vilar. Por un lado, comprouse á empresa Picos y Villadóniga a madeira para a recuperación do tellado, por 3.248,85€, e por outra encargáronse a Alberto Rodríguez Aneiros, por 6.843,76€, os traballos.

Neles incluiuse a retirada da antiga cuberta, o levantamento do recebado para deixar á vista a pedra e a reparación da tubaxe da auga, así como a colocación da nova estrutura de madeira que sustenta o teito, ao que se lle deu máis altura, e das placas de fibrocemento e a tella do país que van sobre a mesma. Completouse a actuación coa colocación dun novo pavimento de pedra.