Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

OS ALCALDES SOCIALISTAS ESIXEN UNHA MESA DE TRABALLO PARA A REINDUSTRIALIZACIÓN DAS TRES COMARCAS

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, participou este mércores na reunión de alcaldes socialistas das tres comarcas da que saíu a esixencia unánime dunha mesa de traballo para a reindustrialización e a reactivación económica das tres comarcas, como reacción ao anuncio de peche da planta de Siemens Gamesa nas Somozas e dos problemas críticos que afectan a outras importantes industrias na zona.

“Estamos a vivir unha situación moi dura a nivel sanitario, pero non podemos permitir que o covid desvíe a nosa atención da realidade. Temos que reaccionar para que cando pase a pandemia non nos atopemos cunha falta de emprego brutal, é preciso crear esperanza e futuro para os nosos fillos-dixo o alcalde-. Hai que esixir aos gobernos da Xunta e do Estado que poñan os mecanismos e as infraestruturas necesarias para dinamizar a economía das tres comarcas, non so no sector naval senón tamén noutros para garantir a diversificación industrial”.

Respecto ao anuncio de peche da planta de Gamesa, o alcalde recordou que “non pode ser que despois de que nos dixeran que o carbón non ten futuro, o primeiro que pase sexa o peche dunha fábrica de equipamento para unha enerxía renovable, a eólica”.

En liña co acordado polos rexedores socialistas da comarca, Moreda subliñou que “hai que esixir ao goberno do Estado e da Xunta que a concesión de novos parques eólicos vaia asociada nos pregos de condicións a investimentos industriais e creación de emprego no territorio, como sucede por exemplo en Francia, onde a mesma Siemens Gamesa está a construír unha fábrica para poder instalar alí os seus aeroxeradores”.