TRABALLOS DE ACONDICIONAMENTO DO CAMIÑO MUNICIPAL NO LUGAR DE ARBA
O Concello de Cedeira informa da recente execución duns traballos de acondicionamento do camiño que conecta co núcleo rural de Arba, unha actuación que forma parte das tarefas de coidado e mantemento das infraestruturas de titularidade municipal e que supón unha mellora da seguridade vial para a circulación de vehículos por dito vial. A administración local investiu 7.502€ (IVE incluído) nesta actuación.
A empresa Villasuso Ortegal ocupouse de realizar as obras, que consistiron no acondicionamento do camiño por medios mecánicos, a limpeza de gabias e a posterior pavimentación cun dobre rego asfáltico.
O camiño ten unha lonxitude duns 400 metros e atopábase, antes desta intervención, nun estado de sensible deterioro, con fochancas e fendas que a choiva fora agravando.