O PROXECTO “PESCATURACCIÓN” ARRANCA CUN DIAGNÓSTICO PARTICIPADO NA SÚA PRIMEIRA ANUALIDADE
O proxecto PESCATURACCIÓN CEDEIRA, financiado por fondos da Unión Europea xestionados polo GALP A Mariña – Ortegal conta cun total de cinco actividades que deron comezo este mes de decembro e irán desenvolvéndose en 2021 e 2022.
Na anualidade que agora remata, estase a elaborar un diagnóstico participativo dos sectores da pesca e do turismo do concello de Cedeira. Estes sectores, considerados piares estratéxicos para o desenvolvemento do territorio cedeirés, foron analizados de primeira man coas entidades empresariais vinculadas a pesca e ao turismo existentes no municipio.
Todas as entidades empresariais do turismo e da pesca de Cedeira interesadas en participar no diagnóstico puideron contribuír a través de enquisas telemáticas deseñadas especificamente para cada un dos sectores. As enquisas enviáronse por email, a través do servizo Cedeira Informa do concello, e tamén estiveron publicadas na web do consistorio durante todo o tempo no que se recolleron achegas. Nestes cuestionarios recóllese información sobre a clasificación das empresas, o seu nivel de innovación e competitividade e unha parte valorativa, de percepción do estado do sector e do nivel de satisfacción cos servizos na vila, ademais dos seus atributos diferenciais e potencialidades.
Ademais, realizáronse entrevistas a entidades de relevancia da pesca e do turismo, con o obxectivo de complementar a información recollida nas enquisas, e de obter unha visión máis global dos intereses grupais de cada sector. Nestas entrevistas identifícanse para o sector da pesca, oportunidades de negocio, de venda dos produtos na vila, valóranse as opcións na diversificación do traballo, das necesidades de promoción das especies que se extraen, do proceso dos transformados, ou as necesidades de formación do sector, ademais da continuidade para as novas xeracións. No caso do turismo, indágase tamén se hai unha vinculación estratéxica do turismo cos produtos pesqueiros e marisqueiros á hora de promocionar Cedeira.
Os resultados das enquisas e das entrevistas servirán para unirse á información obtida nos talleres sectoriais, que terán lugar en 2021.
O diagnóstico final suporá a caracterización dos sectores pesqueiro e turístico, e será a base para a detección dos seus atributos diferenciais. Posteriormente, deseñarase unha marca territorial que axude a posicionar turisticamente o concello de Cedeira, e que serva para detectar novas oportunidades de emprendemento en ambos sectores.