Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO REALIZOU DIVERSOS TRABALLOS DE MANTEMENTO NO CAMPO MUNICIPAL DO BECO

O Concello de Cedeira realizou senllas intervencións de mantemento no campo de fútbol municipal do Beco, por valor de máis de 9.000€. Por unha banda substituiuse a varanda das bancadas, que era unha demanda do club local, e por outro arranxouse a cuberta da cantina e recolocáronse as portarías de fútbol 8. Son dúas actuacións, segundo comentou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, que atinxen ao mantemento e actualización das instalacións municipais e que por tanto o goberno local ten entres as súas obrigas prioritarias.

Por unha parte, o Concello contratou á empresa Carpintería López y Villadónica, cun orzamento de 4.352,37€ (IVE incluído), para arranxar a varanda que está nas bancadas do campo do Beco, cuxo estado revestía certo perigo. Procedeuse a cambiar estas estruturas, de ferro galvanizado, e tamén engadiuse un tubo intermedio á varanda que rodea o perímetro do campo de xogo. Estes traballos incluiron a pintura e tamén a soldadura dalgúns elementos nas portarías de fútbol 8. Por outra parte, o Concello encargou tamen recentemente á empresa Prieto Mouriz, por un orzamento de 4.762,56€ (IVE incluído), a reposición da cuberta da cantina do campo de fútbol do Beco e a realización de novos cimentos para as portarías plegables de fútbol 8.

Procedeuse a desmontalas, demoler as anteriores zapatas, ampliar o oco e executar as novas para a súa recolocación en condicións máis seguras.