Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

SOMÉTESE A EXPOSICIÓN PÚBLICA A NOVA ORDENANZA PARA A PROTECCIÓN DOS CAMIÑOS E VÍAS MUNICIPAIS DE CEDEIRA

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a aprobación inicial da nova ordenanza municipal reguladora da protección dos camiños e vías públicas municipais do Concello de Cedeira. Segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a normativa existente quedou obsoleta para controlar a intensa actividade das empresas madeireiras, que ten suma importancia para a zona, e deste modo a administración local dótase dun marco que vai garantir que poidan desenvolvela sen problema e de maneira que non causen danos ao patrimonio municipal.

Así, as empresas terán que facer unha comunicación previa das cortas que van realizar e mesmo depositar unha fianza para cubrir os danos nos camiños e estradas municipais, no seu caso. Estarán obrigadas a repoñer ao seu estado orixinal as ramplas que abran para acceder ao monte. O mesmo atinxe ás empresas do sector eólico e aos transportes de material pesado que fagan pola rede viaria do Concello.

A ordenanza establece sancións de 1.500 euros a 3.000 euros para as infraccións moi graves; de 750 a 1.500 euros para as graves e de ata 750 para as leves.

Tal como se informa no BOP, a ordenanza vai estar a exposición pública durante 30 días previa á súa aprobación definitiva.

Pódese descargar o texto integro na seguinte ligazón:

DESCARGA PDF ordenanza municipal reguladora da protección dos camiños e vías públicas municipais do Concello de Cedeira

O CONCELLO ADXUDICA AS OBRAS DE SANEAMENTO DA RÚA AMOR HERMOSO

O Concello de Cedeira acaba de adxudicar á empresa Excavaciones y Obras Marcos SL a execución do proxecto de “Saneamento da rúa Amor Hermoso”, para dotar de rede separativa de augas residuais ao tramo entre os números 2 e 14 de dito vial. Presentáronse cinco ofertas, e despois de descartar a máis barata por presentar un prezo anormalmente baixo e non xustificalo suficientemente, a devandita empresa levou o contrato por un prezo de 26.138,76€ (IVE incluído) -saíra a licitación, polo procedemento aberto simplificado, por 30.758,72€-.

O prazo de execución é de dous meses e os traballos a realizar son similares aos que con anterioridade se fixeran na rúa As Pontes de García Rodríguez, perpendicular a Amor Hermoso e noutros viais da zona urbana. Ambas as dúas tiñan unha antiga rede de carácter unitario, con tubaxe de formigón en masa e sen xuntas. Agora, cambiarase a rede de sumidoiros de Amor Hermoso, entre os números 2 e 14, por unha rede separativa de augas residuais na que se substituirá o colector existente por outro de PVC e se instalará unha nova rede de recollida de augas pluviais, tamén de PVC.

Esta é unha actuación que o Concello de Cedeira acomete con cargo aos fondos do programa POS+ADIC 1/2017 da Deputación da Coruña. Desde o goberno local, o alcalde Pablo Diego Moreda Gil comentou que esta obra é un novo avance na renovación da rede de saneamento do municipio, que é moi antiga nalgunhas zonas, e recordou que no último ano o Concello ten acometido máis intervencións destas mesmas características, como a que se fixo na rúa Estrada e adxacentes, e outras obras para dotar de saneamento a núcleos da zona rural que carecían del, como o de Vilacacín.