Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ADXUDICA AS OBRAS DE SANEAMENTO DA RÚA AMOR HERMOSO

O Concello de Cedeira acaba de adxudicar á empresa Excavaciones y Obras Marcos SL a execución do proxecto de “Saneamento da rúa Amor Hermoso”, para dotar de rede separativa de augas residuais ao tramo entre os números 2 e 14 de dito vial. Presentáronse cinco ofertas, e despois de descartar a máis barata por presentar un prezo anormalmente baixo e non xustificalo suficientemente, a devandita empresa levou o contrato por un prezo de 26.138,76€ (IVE incluído) -saíra a licitación, polo procedemento aberto simplificado, por 30.758,72€-.

O prazo de execución é de dous meses e os traballos a realizar son similares aos que con anterioridade se fixeran na rúa As Pontes de García Rodríguez, perpendicular a Amor Hermoso e noutros viais da zona urbana. Ambas as dúas tiñan unha antiga rede de carácter unitario, con tubaxe de formigón en masa e sen xuntas. Agora, cambiarase a rede de sumidoiros de Amor Hermoso, entre os números 2 e 14, por unha rede separativa de augas residuais na que se substituirá o colector existente por outro de PVC e se instalará unha nova rede de recollida de augas pluviais, tamén de PVC.

Esta é unha actuación que o Concello de Cedeira acomete con cargo aos fondos do programa POS+ADIC 1/2017 da Deputación da Coruña. Desde o goberno local, o alcalde Pablo Diego Moreda Gil comentou que esta obra é un novo avance na renovación da rede de saneamento do municipio, que é moi antiga nalgunhas zonas, e recordou que no último ano o Concello ten acometido máis intervencións destas mesmas características, como a que se fixo na rúa Estrada e adxacentes, e outras obras para dotar de saneamento a núcleos da zona rural que carecían del, como o de Vilacacín.