Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O CONCELLO LICITA OBRAS DE CONSERVACIÓN DO FIRME NA AVENIDA DE ESPAÑA E CAMIÑO DE PITILLEIRA

O Concello de Cedeira acaba de sacar a concurso, a través da súa publicación na Plataforma de Contratación do Sector Público, a obra de “Conservación do firme na Avenida de España e o Camiño de Pitilleira”. A actuación ten un prezo de licitación de 51.649,94€ (IVE incluído) e é o terceiro e último proxecto incluído este ano no capítulo de investimentos do programa provincial POS+21, ao que tamén se acollen as obras de adecuación do anel da Praza Roxa e as reformas nos antigos escolares de Saa e Sisalde que están actualmente en execución.

A mellora do firme na Avenida de España abranguerá o tramo comprendido entre a rúa Cerdido e o Polideportivo Municipal, mentres que no Camiño de Pitilleira a intervención afectará, por unha parte, ao treito que vai desde a Avenida de España ata a de Castelao, e por outro, ao treito que perdorre desde a Avenida de España ata Floreal.

A actuación vai dirixida a renovar o pavimento, que se atopa deteriorado, colocando unha nova capa de aglomerado asfáltico de seis centímetros de grosor. Está prevista tamén a adecuación dun paso elevado para peóns na intersección entre a Avenida de España e Pitilleira.

As empresas interesadas poden presentar ofertas ata o vindeiro día 10 de decembro. O prazo de execución será de dous meses.

O CONCELLO ADXUDICOU O CERRAMENTO DAS PISTAS DE PÁDEL EXTERIORES PARA POSIBILITAR O SEU USO TODO O ANO

O Concello de Cedeira adxudicou por 59.773,62€ (IVE incluído) as obras de cerramento das pistas de pádel. A unión temporal de empresas formada por Meraki CR e Carpintería Metálica Ferreiro será a encargada de realizar esta actuacion, que segundo destacou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, vai redundar nun maior aproveitamento das instalacións. “Temos catro pistas municipais, despois de facer dúas máis no anterior mandato, pero a realidade é que o insuficiente peche de dúas delas desbota a posibilidade de xogar cando vai vento ou choiva”, explicou o alcalde, quen destacou que as obras van ampliar a dispoñibilidade de instalacións e con elo o número de personas usuarias.

As pistas de pádel municipais funcionan actualmente de xeito ininterrompido de luns a domingo, entre as nove da mañá e as dez e media da noite. Hai 83 persoas apuntadas a esta práctica a través das escolas deportivas do Concello, ás que se suman outras 60, de media, que van de xeito individual a xogar cada semana e os máis de 92 socios e socias do Club de Pádel local, a través do cal tamén son moitas as persoas que se afeccionan a esta práctica.

A actuación nas pistas de pádel é unha das obras que o Concello vai executar con cargo ao máis de medio millón de euros que se incorporou ao presuposto municipal deste ano procedente do remanente do exercicio pasado. Deses fondos, preto de 157.000 euros van destinados á realización de diferentes melloras nas instalacións deportivas municipais.

O Concello de Cedeira conta con catro pistas de pádel, despois de que no anterior mandato se adecuaran dúas novas. A actuación que se vai acometer agora mellorará o abrigo destas últimas, que contan actualmente cunha cuberta de chapa e paredes de vidro templado e malla insuficientes para permitir o xogo en condicións de choiva e vento. Así, as obras van consistir en retirar as paredes e o enreixado actual e na construción de paramentos que cheguen á cuberta e pechen as pistas totalmente.

O CONCELLO CONTRATA A SUBMINISTRACIÓN DUN NOVO SISTEMA DE DESHUMECTACIÓN PARA A PISCINA MUNICIPAL

O Concello de Cedeira acaba de adxudicar a subministración dun novo sistema de deshumectación da piscina municipal. A empresa Termocalor Vigo será a encargada de proporcionar e instalar o equipamento, por un importe de 38.280€ (IVE incluído), ao presentar a oferta máis vantaxosa no proceso de licitación.

O goberno local optou por renovar totalmente o sistema de deshumectación, dado que a reparación do existente resultaría máis custoso. O seu correcto funcionamento, tal como explican desde o goberno municipal, é fundamental para evitar que na piscina climatizada proliferen o mofo ou os fungos.

O Concello vai resolver tamén proximamente a contratación da obra de peche das pistas de pádel, un proxecto presupostado en 59.887,49€ (IVE incluído) e que consistirá en completar e mellorar a actual cubrición das dúas canchas exteriores para permitir o seu uso tamén con choiva e vento.