Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

Aberto o prazo para solicitar exencións e bonificacións da taxa do IBI e do lixo, e a prestación económica por fillos e fillas menores de 3 anos

ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS DA TAXA DO IBI E DO LIXO, E A PRESTACIÓN ECONÓMICA POR FILLOS E FILLAS MENORES DE 3 ANOS

O Concello de Cedeira informa da apertura de prazos para solicitar a prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de 3 anos, así como exencións e bonificacións na taxa do IBI e na taxa do lixo, para familias numerosas.

Pode consultar toda a información ao respecto destas solicitudes nos servizos sociais municipais. Os prazos e as ordenanzas reguladoras son:

    • Prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de 3 anos

Prazo de solicitude: do 01 de febreiro ao 21 de marzo.
Pode consultar toda a información ao respecto na seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN Información sobre prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de 3 anos

      • Bonificación na taxa do IBI para familias numerosas

Prazo de solicitude: antes do 21 de marzo.
Pode consultar a ordenanza vixente que regula esta bonificación na seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN Ordenanza fiscal do imposto de bens inmobles (Artigo 8)

        • Bonificación na taxa do lixo para familias numerosas e outros colectivos

Prazo de solicitude: antes do 31 de marzo.
Pode consultar a ordenanza vixente que regula esta bonificación na seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN Ordenanza fiscal reguladora da taxa por recollida de residuos (Artigo 4)

Cedeira adxudica os contratos para o programa de actividades que terá lugar ao longo do presente ano

CEDEIRA ADXUDICA OS CONTRATOS PARA O PROGRAMA DE ACTIVIDADES QUE
TERÁ LUGAR AO LONGO DO PRESENTE ANO

O obradoiro de memoria e as clases de pintura darán comezo este venres en Cedeira e nos próximos días acontecerá o mesmo coas outras tres actividades previstas polo Concello para o presente ano. Trátase dos talleres e clases que, organizadas desde as concellerías de Servizos Sociais e Cultura, buscan xerar un benestar físico e social entre o colectivo da Terceira Idade así como incrementar os coñecementos en manualidades en xente de todas as idades. O programa inclúe, ademais dos obradoiros de memoria e pintura, ximnasia terapéutica, manualidades e baile activo para maiores de 65 anos.

A Xunta de Goberno aprobaba onte os cinco contratos que garanten o desenvolvemento destas actividades ata un total de oito meses e medio, nalgúns casos. O importe das adxudicacións ronda os 20.000 euros.

O obradoiro de memoria correrá a cargo de Marta López Villar. As clases terán lugar os luns e venres en Cedeira (as 16.00 e as 17.30 horas), en Esteiro-Sisalde serán os martes (16.00 horas) e mércores (17.15 horas) e en Esteiro-Sas, os mércores e xoves, a partir das catro da tarde. No caso de Montoxo, a iniciativa impartirase os martes e xoves, ás 17.15, mentres que en Santalla será os martes e xoves, ás 18.30 horas. A devandita programación prolongarase ata o mes de xuño.

Da ximnasia terapéutica impartiranse un total de 16 horas semanais entre o auditorio de Cedeira e os centros sociais de Santalla e Montoxo. As clases serán sempre os mércores en horario de 12.00, 10.45 e 9.30, respectivamente. O programa estará activo de febreiro a xuño para se retomar no mes de setembro ata finalizar o ano. A Clínica de Fisioterapia Penamoura foi a adxudicataria desde contrato.

Andrés Urritia Beato será o pintor local que volverá a estar á fronte das clases de pintura que xa son todo un clásico dentro da programación cultural do Concello de Cedeira. Este calendario dará comezo este mesmo venres en Montoxo, donde a actividade impartirase en horario de 18.30 a 21.00 horas. Cara á próxima semana e ao longo de todo o curso, a terceira planta das vivendas sindicais acollerá unha iniciativa que se levará a cabo os luns e martes, de 10.00 a 13.00 horas; os mércores, de 18.30 a 21.30 horas, e os xoves de 19.00 a 21.30 horas. As tardes dos venres están reservadas para o alumnado no CEIP Nicolás do Río, mentres que en Santalla impartirase todos os mércores, entre as catro e as seis da tarde.

En canto á actividade de manualidades cabe apuntar que serán 16 horas semanais. O baixo da praza da Rectoral acollerá as clases, que serán impartidas pola empresa Servicios Deportivos Galicia, os martes e venres, a partir das sete da tarde. A inscrición debe facerse no Palacete.

O Concello tamén contratou a Ivana Giustozzi para dar o programa de baile activo dirixido ao colectivo da Terceira Idade, que achegará a súa programación os luns, martes e xoves á sala Áncora, en horario de 11.00 y 12.00 horas. Serán doce horas á semana.

Manuela López Rodríguez, a concelleira delegada de Servizos Sociais, considera que este tipo de actividades son moi convenientes, sobre todo entre a xente maior, para que saia da casa e confraternice con persoas da súa mesma idade.

O Parlamento galego insta á Xunta a dialogar co Concello de Cedeira para chegar a acordos sobre a mellora do centro de saúde

O PARLAMENTO GALEGO INSTA Á XUNTA A DIALOGAR CO CONCELLO DE CEDEIRA PARA CHEGAR A ACORDOS SOBRE A MELLORA DO CENTRO DE SAÚDE

Todos os grupos do Parlamento de Galicia aprobaron unha iniciativa do executivo local pola que se insta á Xunta de Galicia “a dialogar co Concello de Cedeira sobre os servizos de asistencia sanitaria dispoñibles no municipio e a posibilidade de chegar a acordos sobre a mellora do centro de saúde e a súa ampliación”. O acordo adoptouse o día 21 deste mesmo mes na comisión de Sanidade, Política Social e Emprego da Cámara galega. Na súa demanda, o goberno de Cedeira explica os motivos, o fundamental a falta de espazo e servizos dos que adoece o actual centro de saúde, e tamén apunta a solución, que pasa pola compra dun edificio anexo ao actual para facer viable a ampliación do mesmo.

Nesta dirección desde o equipo de goberno se recorda así mesmo que o Concello ten manifestado en reiteradas ocasións a súa boa disposición, de feito xa ten iniciados os trámites, cara á compra dese segundo inmoble propiedade da Xunta e máis da administración local para, a continuación, cedelo nas condicións que a Consellería de Sanidade solicite para facer investimentos (sen edificacións, libres de cargas e coas condicións necesarias para iniciar as obras), tal e como figura na iniciativa parlamentaria. Un acordo neste sentido non só daría lugar á ampliación do centro e servizos médicos de Cedeira senon tamén á mellora das prestacións sanitarias no conxunto da comarca, segundo as consideracións do executivo cedeirense.

A ampliación do centro de saúde estase a converter nunha das prioridades do equipo de goberno de Cedeira dentro do presente mandato. Só nos últimos meses o asunto levou aos responsables municipais a manter reunións de traballo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e máis co xerente da área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva. Agora, estase á espera do encontro solicitado o día 28 de setembro co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

En todos os casos as intencións do goberno local pasan pola adquisición da propiedade que o Concello comparte coa Consellería de Medio Rural co fin de incrementar ata un 40% a actual capacidade do actual centro médico.