Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Parlamento galego insta á Xunta a dialogar co Concello de Cedeira para chegar a acordos sobre a mellora do centro de saúde

O PARLAMENTO GALEGO INSTA Á XUNTA A DIALOGAR CO CONCELLO DE CEDEIRA PARA CHEGAR A ACORDOS SOBRE A MELLORA DO CENTRO DE SAÚDE

Todos os grupos do Parlamento de Galicia aprobaron unha iniciativa do executivo local pola que se insta á Xunta de Galicia “a dialogar co Concello de Cedeira sobre os servizos de asistencia sanitaria dispoñibles no municipio e a posibilidade de chegar a acordos sobre a mellora do centro de saúde e a súa ampliación”. O acordo adoptouse o día 21 deste mesmo mes na comisión de Sanidade, Política Social e Emprego da Cámara galega. Na súa demanda, o goberno de Cedeira explica os motivos, o fundamental a falta de espazo e servizos dos que adoece o actual centro de saúde, e tamén apunta a solución, que pasa pola compra dun edificio anexo ao actual para facer viable a ampliación do mesmo.

Nesta dirección desde o equipo de goberno se recorda así mesmo que o Concello ten manifestado en reiteradas ocasións a súa boa disposición, de feito xa ten iniciados os trámites, cara á compra dese segundo inmoble propiedade da Xunta e máis da administración local para, a continuación, cedelo nas condicións que a Consellería de Sanidade solicite para facer investimentos (sen edificacións, libres de cargas e coas condicións necesarias para iniciar as obras), tal e como figura na iniciativa parlamentaria. Un acordo neste sentido non só daría lugar á ampliación do centro e servizos médicos de Cedeira senon tamén á mellora das prestacións sanitarias no conxunto da comarca, segundo as consideracións do executivo cedeirense.

A ampliación do centro de saúde estase a converter nunha das prioridades do equipo de goberno de Cedeira dentro do presente mandato. Só nos últimos meses o asunto levou aos responsables municipais a manter reunións de traballo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e máis co xerente da área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva. Agora, estase á espera do encontro solicitado o día 28 de setembro co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

En todos os casos as intencións do goberno local pasan pola adquisición da propiedade que o Concello comparte coa Consellería de Medio Rural co fin de incrementar ata un 40% a actual capacidade do actual centro médico.