Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

Cedeira convoca mañá á veciñanza a unha concentración de rexeitamento á violencia machista

CEDEIRA CONVOCA MAÑÁ Á VECIÑANZA A UNHA CONCENTRACIÓN DE REXEITAMENTO Á VIOLENCIA MACHISTA

“Basta xa de violencia machista!!”. É a consigna coa que o goberno de Cedeira convoca á veciñanza a asistir mañá a unha concentración que será ás12.00 horas diante do Concello.

Os responsables municipais trataran así de amosar a repulsa unánime do pobo de Cedeira a unha lacra social que só en 48 horas arrebatou a vida a catro mulleres e deixou orfos a catro menores.

Corenta e dúas mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano e suman un total 1.017 desde que empezaron a contabilizarse no 2003, uns datos que, segundo o goberno cedeirense, levan a solicitar a participación masiva da veciñanza no acto convocado para mañá venres na praza do Concello.

Comezaron as obras de ampliación e reforma da escola infantil da rede a galiña azul en Cedeira

COMEZARON AS OBRAS DE AMPLIACIÓN E REFORMA DA ESCOLA INFANTIL DA REDE A GALIÑA AZUL EN CEDEIRA

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, e máis o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, participaron onte na firma da acta de replanteo das obras de ampliación e reforma da escola infantil da localidade. A actuación aumentará en 20 o número de prazas ofertadas para nenas e nenos de 0 a 3 anos, polo que pasará de 58 a 78.

Este acto supón o anuncio do inicio inmediato das obras, cun investimento total previsto de máis de 141.000 euros. Deles, o Consorcio -que xestiona o centro- desembolsará 100.000 euros (cunha achega do 80% procedente de Fondos Feder da Unión Europea), mentres que o montante restante corresponderalle ao Concello de Cedeira. Da actuación encargarase a empresa Prace Servicios y Obras S.A. cun prazo de execución máximo de seis meses.

As obras se levarán a cabo sen alterar o funcionamento ordinario do centro. Aproveitarase o mes de agosto no que a escola permanece pechada por vacacións para levar a cabo os traballos mais complexos e que a intención é que as actuacións rematen antes do Nadal.

Ademais das intervencións propias da ampliación, executaranse outras actuacións de mellora entre as que se atopan o incremento do espazo das aulas, a reforma completa da cociña e a instalación dun sistema de ventilación natural na área de descanso para menores de 0 a 1 anos. Tamén se dotará ás instalacións de novos elementos de protección no desnivel interior que existe entre plantas.

A Xunta e o Concello asinaron en xullo do pasado ano o convenio de colaboración para levar a cabo este proxecto de ampliación, para o que a administración local cedeu o edificio anexo á escola. A intervención mellorará a calidade da prestación do servizo nesta escola infantil que facilita a conciliación ás familias deste concello e da súa contorna.

Cedeira avanza cara ao proxecto construtivo do futuro centro de día

CEDEIRA AVANZA CARA AO PROXECTO CONSTRUTIVO DO FUTURO CENTRO DE DÍA

O goberno de Cedeira segue a dar pasos cara á construción dun centro de día para cubrir unha necesidade dos veciños e veciñas de máis idade.

Hoxe mesmo a concelleira de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez, e máis o titular da Concellería de Deportes, Nicolás Vergara, reuníronse con técnicos da Xunta para confrontar opinións con respecto ao proxecto construtivo elaborado polos servizos técnicos municipais. Este encontro responde á colaboración brindada no seu día polo responsable do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, no sentido de traballar coordinadamente para garantir a realización do proxecto.

A reunión foi moi positiva, segundo apuntou a responsable de Cultura, xa que houbo case unha total sintonía cos representantes da Xunta. Trataríase dun edificio de nova construción e planta baixa, situado ao pé da estación de autobuses, en terreos de propiedade municipal. Aínda sen cuantificar, a edificación acollería dúas zonas perfectamente delimitadas, de maneira que había unha específica para persoal e servizos e outra dedicada exclusivamente aos usuarios. Dúas salas de rehabilitación, unha cociña, un almacén e un gran salón comedor son algúns dos servizos que nun futuro poderán utilizar as persoas maiores que acudan ao centro de día de Cedeira.