Cedeira avanza cara ao proxecto construtivo do futuro centro de día
CEDEIRA AVANZA CARA AO PROXECTO CONSTRUTIVO DO FUTURO CENTRO DE DÍA
O goberno de Cedeira segue a dar pasos cara á construción dun centro de día para cubrir unha necesidade dos veciños e veciñas de máis idade.
Hoxe mesmo a concelleira de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez, e máis o titular da Concellería de Deportes, Nicolás Vergara, reuníronse con técnicos da Xunta para confrontar opinións con respecto ao proxecto construtivo elaborado polos servizos técnicos municipais. Este encontro responde á colaboración brindada no seu día polo responsable do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, no sentido de traballar coordinadamente para garantir a realización do proxecto.
A reunión foi moi positiva, segundo apuntou a responsable de Cultura, xa que houbo case unha total sintonía cos representantes da Xunta. Trataríase dun edificio de nova construción e planta baixa, situado ao pé da estación de autobuses, en terreos de propiedade municipal. Aínda sen cuantificar, a edificación acollería dúas zonas perfectamente delimitadas, de maneira que había unha específica para persoal e servizos e outra dedicada exclusivamente aos usuarios. Dúas salas de rehabilitación, unha cociña, un almacén e un gran salón comedor son algúns dos servizos que nun futuro poderán utilizar as persoas maiores que acudan ao centro de día de Cedeira.