Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

A DEPUTACIÓN COLABOROU O PASADO ANO CON 75.578€ NA FINANCIACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

A Deputación da Coruña colaborou cos Servizos Sociais do Concello de Cedeira durante o pasado ano 2020 con 75.578,08€ para a financiación do servizo de axuda no fogar (SAF) na modalidade de libre concorrencia e para cubrir gastos do persoal de departamento. Concretamente, o importe concedido con cargo ao Programa de Financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, dirixido a concellos con menos de 20.000 habitantes, foi destinado a sufragar parte dos salarios dunha auxiliar administrativo, dunha educadora familiar e de persoal auxiliar SAF.

Este programa custeou parte das horas de atención domiciliaria por libre concorrencia que durante o pasado exercicio supuxeron sobre 3.400 horas.

O CONCELLO MERCA SETE NOVAS CAMAS XERIÁTRICAS PARA PERSOAS USUARIAS DO SERVIZO DE AXUDA A DOMICILIO

O Concello de Cedeira destina 10.220€ (IVE incluído) á compra de sete camas xeriátricas que se asignarán a familias da vila con persoas que permanecen acamadas e que son usuarias do Servizo de Axuda no Fogar. Anteriormente o Concello xa tiña mercado outras 17 camas deste tipo e tamen 12 guindastres, equipamentos que van dirixidos tanto a facilitar a mobilidade da persoa enferma por parte dos seus propios familiares como das traballadoras e traballadores do servizo de asistencia domiciliaria.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, subliñou que a suministración destas camas é unha actuación que redunda directamente nunha mellor calidade de vida para as persoas usuarias e que eleva tamén a calidade do Servizo de Axuda no Fogar.

A empresa Coloro encárgase de proporcionar as camas xeriátricas, todas elas dotadas cun elevador que permite mover á persoa enferma co mínimo esforzo.

GRUPOS POLÍTICOS E PERSOAL MUNICIPAL DE CEDEIRA FAN ACTIVISMO VIRTUAL CONTRA AS VIOLENCIAS NESTE 25N

Os tres grupos municipais no Concello de Cedeira participaron esta mañá na lectura do manifesto da iniciativa “En negro contra as violencias”, para expresar un ano máis o seu rexeitamento a toda clase de maltrato ás mulleres. Tal como recordou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, Cedeira está adherida á dita acción colectiva, que funciona ao longo de todo o ano pero que nesta data do 25N intensifica o seu traballo a prol da sensibilización de todos e todas contra o machismo. Neste 2020, dadas as especiais limitacións que impuxo o coronavirus, as accións fanse de xeito virtual, compartindo a mensaxe e as imaxes na web e nas redes sociais do Concello.

O Concello repartiu entre o seu persoal, en establecementos comerciais e empresas, entidades, e en xeral, ao tecido social da vila, camisetas e suadoiros, máscaras e carteis coas verbas “25N Cedeira en negro” e outros lemas da campaña. Aínda que o material quedou escaso para atender toda a demanda, e o goberno local pediu escusas por elo, o interese da veciñanza por apoiar esta acción conseguiu darlle moita visibilidade no municipio.

Os traballadores e traballadoras de mantemento, da oficina de Turismo, de Servicios Sociais, da biblioteca municipal e doutras instalacións municipais fixéronse fotos vestindo prendas negras coa mensaxe “25N Cedeira en negro” que van ser compartidas na páxina do Concello en Facebook, tamén tinguida de loito neste día.

Nun vídeo, que tamén quedará colgado hoxe nas redes sociais do Concello de Cedeira recóllese a lectura do manifesto, no que se asume a “obriga de todas e todos nós de traballar todos os días pola igualdade en todos os ámbitos da nosa vida porque só así seremos capaces de transformar a nosa sociedade”. A mensaxe fai incidencia en que “este 25 de novembro en especial temos que facer máis visible aínda a loita contra a violencia machista, darlles a todas as mulleres maltratadas a visibilidade que lles nega a terrible crise sanitaria que estamos a padecer”.

Link ao vídeo: