Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

GRUPOS POLÍTICOS E PERSOAL MUNICIPAL DE CEDEIRA FAN ACTIVISMO VIRTUAL CONTRA AS VIOLENCIAS NESTE 25N

Os tres grupos municipais no Concello de Cedeira participaron esta mañá na lectura do manifesto da iniciativa “En negro contra as violencias”, para expresar un ano máis o seu rexeitamento a toda clase de maltrato ás mulleres. Tal como recordou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, Cedeira está adherida á dita acción colectiva, que funciona ao longo de todo o ano pero que nesta data do 25N intensifica o seu traballo a prol da sensibilización de todos e todas contra o machismo. Neste 2020, dadas as especiais limitacións que impuxo o coronavirus, as accións fanse de xeito virtual, compartindo a mensaxe e as imaxes na web e nas redes sociais do Concello.

O Concello repartiu entre o seu persoal, en establecementos comerciais e empresas, entidades, e en xeral, ao tecido social da vila, camisetas e suadoiros, máscaras e carteis coas verbas “25N Cedeira en negro” e outros lemas da campaña. Aínda que o material quedou escaso para atender toda a demanda, e o goberno local pediu escusas por elo, o interese da veciñanza por apoiar esta acción conseguiu darlle moita visibilidade no municipio.

Os traballadores e traballadoras de mantemento, da oficina de Turismo, de Servicios Sociais, da biblioteca municipal e doutras instalacións municipais fixéronse fotos vestindo prendas negras coa mensaxe “25N Cedeira en negro” que van ser compartidas na páxina do Concello en Facebook, tamén tinguida de loito neste día.

Nun vídeo, que tamén quedará colgado hoxe nas redes sociais do Concello de Cedeira recóllese a lectura do manifesto, no que se asume a “obriga de todas e todos nós de traballar todos os días pola igualdade en todos os ámbitos da nosa vida porque só así seremos capaces de transformar a nosa sociedade”. A mensaxe fai incidencia en que “este 25 de novembro en especial temos que facer máis visible aínda a loita contra a violencia machista, darlles a todas as mulleres maltratadas a visibilidade que lles nega a terrible crise sanitaria que estamos a padecer”.

Link ao vídeo: