Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

CEDEIRA RATIFICA O SEU FIRME COMPROMISO COS DEREITOS DAS PERSOAS LGTBI E O REXEITAMENTO DA VIOLENCIA

O pleno de Cedeira aprobou por unanimidade unha moción na que ratifica o compromiso firme do Concello “coa igualdade, os dereitos das persoas LGTBI e a erradicación de calquera tipo de violencia cara a este colectivo”, ao tempo que se suma á declaración institucional que o pleno da Deputación Provincial da Coruña aprobou como reacción ao crime de Samuel Luiz, na que se instaba a “condenar e rexeitar os discursos que pola súa natureza ou contido alentan a discriminación ou trato diferenciado por razón de sexo, xénero, raza, procedencia, etnia, posición social, etc. e que poden contribuír á xustificación de actitudes sexistas, homófobas, xenófobas, etc. que non deben ter cabida na nosa sociedade”.

Ambos os dous acordos subscritos polos grupos políticos do Concello de Cedeira, tanto a moción presentada polo PSOE como a declaración da Deputación, inclúen o compromiso de poñer en marcha campañas de sensibilización, información e formación sobre a realidade das persoas pertencentes ao colectivo LGTBI. Tamén recoñecen a LGTBIfobia e os discursos que a alentan “como unha afronta á calidade democrática porque apela directamente aos estándares de liberdade do noso país”.

Ademais, a moción aprobada polo Concello de Cedeira abrangue o acordo de establecer un plan formativo para a Policía Municipal encamiñado a que as e os axentes teñan a formación suficiente sobre a realidade das persoas LGTBI e poidan ofrecer un trato adecuado ás vítimas.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, lamentou que as agresións LGTBIfóbicas estean a aumentar en España e defendeu a necesidade de que as institucións sexan as primeiras en ondear a bandeira da tolerancia e expresar o seu apoio a estes colectivos.

O CONCELLO ACORDA COA CONFRARÍA A COMPRA DUNHA PARCELA PARA A AMPLIACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE

O Concello de Cedeira chegou a un acordo coa Confraría de Pescadores da vila para adquirir, por 74.312,28€, a parcela da súa propiedade situada na rúa Ortigueira. A operación, que foi aprobada no último pleno cos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP, servirá para levar adiante a ampliación do Centro de Saúde. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, expresou o seu agradecemento á Confraría por facilitar esta compra, que é unha peza indispensable para facer posible a longamente esperada ampliación do Centro de Saúde. “Dámoslle as grazas tanto ao novo patrón maior, Ricardo Villar, como aos anteriores, Eduardo González e Lucía Villar, que unha vez máis amosaron o compromiso do noso sector pesqueiro co presente e o futuro da vila”, dixo o alcalde.

Coa adquisición deste solar, no que está un antigo edificio do pósito, serán xa máis de 150.000€ os fondos que a administración local destinou á posta a disposición da Consellería de Sanidade dos inmobles e terreos precisos para levar adiante a ampliación, unha demanda o goberno local confía en ver cumprida neste mandato.

O Concello de Cedeira comprara xa a finais de 2019 o baixo, terceira planta e baixo cuberta do edificio do número 7 da rúa Ortigueira, por máis de 60.000€, para poñelos a disposición da Consellería de Sanidade cara á ampliación do Centro de Saúde. Pero non foi ata este ano cando a administración autonómica retomou o proxecto e abriu de novo o diálogo coa finalidade de despexar o camiño para a sinatura do convenio de cesión do inmoble. Nunha reunión mantida o pasado mes de marzo entre o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e o concelleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, este último concordou en que a ampliación é unha mellora xustificada e necesaria e comprometeuse a axilizar trámites para levar adiante o proxecto sen dilacións.

Como froito destas novas conversas, o Concello contratou a comezos deste ano a redacción da modificación puntual do PXOM que é preciso para a ampliación, por un importe de 15.500€. Dito documento foi entregado á Consellería de Medio Ambiente en abril, para iniciar o proceso de avaliación ambiental e unha serie de trámites previos á súa volta ao pleno municipal para a súa aprobación inicial e exposición pública. Despois disto, o expediente deberá ir á Dirección Xeral do Territorio e Urbanismo da Xunta para a súa aprobación definitiva.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que o Concello de Cedeira ten atendido coa máxima axilidade todos os requirimentos de Sanidade, co devezo de que a ampliación do Centro de Saúde sexa unha realidade canto antes. “A pandemia puxo aínda máis de relevo as eivas que ten o actual edificio, tanto estruturais como construtivas”, recordou o alcalde. Faltan salas de pediatría e fisioterapia, un espazo para ciruxía menor, dependencias para arquivo e zona de almacén de material, entre outros problemas como goteiras, malos olores e accesos deficientes.

Coa ampliación, o Centro de Saúde de Cedeira aumentará a súa dispoñibilidade de superficie útil case nun 50% e poderá completar a súa dotación para ofrecer un mellor servizo tanto á cidadanía do propio municipio como á poboación das zonas limítrofes que o teñen como referencia.

O CONCELLO DE CEDEIRA DÓTASE DO SEU PRIMEIRO PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE MULLERES E HOMES

O Concello de Cedeira conta xa co seu I Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, un documento que o pleno da corporación aprobou por unanimidade e que o goberno local presentou cualificándoo como “un dos logros máis importantes deste mandato”. A concelleira Carmela Prieto explicou que esta “é unha ferramenta coa que avanzar nos vindeiros anos cara a unha equidade de xénero real e efectiva”.

A concelleira Carmela Prieto agradeceu a colaboración de todas as persoas implicadas na elaboración do Plan de Igualdade. Tanto na fase de diagnóstico como na definición de propostas, o traballo foi aberto e participativo. Creáronse mesas de traballo con persoal do propio Concello, con representantes políticos, co tecido asociativo, coa comunidade educativa e tamén con veciñas que quixeron colaborar e participar. “Deste proceso resultou un programa de acción que debuxa a situación na que estamos e marca estratexias e obxectivos, unha completa folla de ruta para avanzar de aquí ao ano 2024”, explicou a concelleira.

Así, o Plan de Igualdade de Cedeira identifica un total de 49 accións en seis eidos diferentes: a propia administración municipal; a educación e a mocidade; o emprego e a formación; o benestar social, a conciliación e a corresponsabilidade; a participación social, a cultura e os deportes; e a prevención e atención integral da violencia machista. Entre ditas accións, por exemplo, encóntranse o desenvolvemento de campañas para a posta en valor das mulleres traballadoras, a revisión das taxas municipais desde un enfoque de xénero, a posta en marcha dunha escola de familias para promover a coeducación ou a creación dun Punto Violeta no ocio nocturno e nas festas. Unha destas propostas xa está feita: o curso de formación para o persoal municipal.

Para traballar no Plan de Igualdade, crearase unha comisión permanente, que celebrará reunións como mínimo cada seis meses. Nela participan concelleiros e concelleiras da corporación, o comité de empresa e técnicos/as das diferentes áreas de xestión do Concello, para garantir que os avances se aplican de maneira transversal e chegan a todos os eidos de actividade.

Carmela Prieto expresou a satisfacción de todo o goberno municipal pola elaboración e posta en marcha do plan, culminación dunha política xa iniciada no anterior mandato e dirixida a contribuír, no que está na man da administración local, a reducir a desigualdade entre xéneros en todos os ámbitos e loitar contra as violencias machistas.