Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA RATIFICA O SEU FIRME COMPROMISO COS DEREITOS DAS PERSOAS LGTBI E O REXEITAMENTO DA VIOLENCIA

O pleno de Cedeira aprobou por unanimidade unha moción na que ratifica o compromiso firme do Concello “coa igualdade, os dereitos das persoas LGTBI e a erradicación de calquera tipo de violencia cara a este colectivo”, ao tempo que se suma á declaración institucional que o pleno da Deputación Provincial da Coruña aprobou como reacción ao crime de Samuel Luiz, na que se instaba a “condenar e rexeitar os discursos que pola súa natureza ou contido alentan a discriminación ou trato diferenciado por razón de sexo, xénero, raza, procedencia, etnia, posición social, etc. e que poden contribuír á xustificación de actitudes sexistas, homófobas, xenófobas, etc. que non deben ter cabida na nosa sociedade”.

Ambos os dous acordos subscritos polos grupos políticos do Concello de Cedeira, tanto a moción presentada polo PSOE como a declaración da Deputación, inclúen o compromiso de poñer en marcha campañas de sensibilización, información e formación sobre a realidade das persoas pertencentes ao colectivo LGTBI. Tamén recoñecen a LGTBIfobia e os discursos que a alentan “como unha afronta á calidade democrática porque apela directamente aos estándares de liberdade do noso país”.

Ademais, a moción aprobada polo Concello de Cedeira abrangue o acordo de establecer un plan formativo para a Policía Municipal encamiñado a que as e os axentes teñan a formación suficiente sobre a realidade das persoas LGTBI e poidan ofrecer un trato adecuado ás vítimas.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, lamentou que as agresións LGTBIfóbicas estean a aumentar en España e defendeu a necesidade de que as institucións sexan as primeiras en ondear a bandeira da tolerancia e expresar o seu apoio a estes colectivos.