Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

O CONCELLO RETOMA A VINDEIRA SEMANA OS TALLERES DE MEMORIA E AS CLASES DE XIMNASIA TERAPÉUTICA

O Concello de Cedeira retoma a vindeira semana os talleres de memoria e as clases de ximnasia terapéutica que xa formaron parte nos últimos anos da programación de actividades que promove a Concellería de Servicios Sociais durante os meses de inverno, de xeito gratuíto, para a veciñanza. Son dúas propostas que contan cunha excelente acollida entre as persoas maiores.

Os talleres de memoria comezarán o día 17 e se desenvolverán nas tardes de cada luns e venres, en dúas quendas ás 16.00 e 17.30 horas. A actividade será na cafetería do Centro Sociocultural de Cedeira e desde o Concello indican que as persoas que xa participaron en edicións anteriores poden inscribirse directamente acudindo a unha das clases. Quen non estivera antes nos talleres deberá inscribirse nas oficinas de Servizos Sociais (de 10.00 a 13.00 horas).

Pola súa banda, a ximnasia terapéutica é unha actividade que corre a cargo dunha fisioterapeuta e que se desenvolve en diferentes parroquias. Neste caso as clases serán os martes e os xoves, a partir da vindeira semana. O local social de Esteiro acollerá a clase os martes ás 09.30 horas, mentres que na cafetería do Auditorio Municipal desenvolveranse na mesma xornada dúas quendas, ás 11.00 e ás 12.00 horas. Os xoves, a ximnasia terapéutica chegará aos locais veciñais de Montoxo (09.30 horas), San Román (10.45h) e Santalla (12.00h). Ao igual que no caso anterior, as persoas que xa participaron en anos anteriores so teñen que acudir ás sesións, mentres que as novas inscricións deben facerse en Servizos Sociais.

Desde o goberno municipal subliñan os beneficios que estas actividades teñen para as persoas maiores, tanto pola súa saúde física como mental, xa que favorecen a socialización e a convivencia.

O CONCELLO DE CEDEIRA ACTIVA UNHA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

O Concello de Cedeira convoca para este xoves, día 25, ás doce do mediodía, o acto de conmemoración do Día internacional contra a violencia machista. A corporación municipal fará lectura dun manifesto institucional, como en anos anteriores, para expresar o seu compromiso coa igualdade e o seu rotundo rexeitamento á violencia de xénero.

Con motivo da conmemoración do 25-N, o Concello de Cedeira ten activado unha campaña de sensibilización sobre os comportamentos de control e violencia emocional que a miudo se producen a través das redes sociais, e que nas idades da adolescencia se están asumindo con certa normalidade. As publicacións do Concello van dirixidas a poñer exemplos deste tipo de comportamentos advertindo que “isto tamén é violencia”.

A celebración do 25-N no Concello de Cedeira ten este ano como trasfondo a recente aprobación do Plan de Igualdade, no que hai un capítulo adicado á prevención e atención integral da violencia machista. Entre outras accións propostas, o goberno local ten previsto formar a un grupo de persoas voluntarias para a atención dun “Punto Violeta” ante posibles situacións de abuso no ocio nocturno, festas e eventos.

O CONCELLO DE CEDEIRA PROMOVE OBRADOIROS GRATUÍTOS DE MUSICOTERAPIA PARA MAIORES

O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Cedeira vai poñer en marcha este mes un programa de musicoterapia para as persoas maiores. Baixo o título Música sen enrugas, a iniciativa vai consistir nunha serie de obradoiros gratuítos que se desenvolverán nas tardes dos xoves na cafetería do Auditorio Municipal, a cargo da psicóloga e musicoterapeuta Sara Abuín.

Servizos Sociais prevé poñer en marcha dúas quendas, unha ás 18.00 horas e outra a continuación, ás 19.00 horas. O programa desenvolverase entre o día 25 de novembro e o 30 de decembro, ao longo de sete xoves de aquí a final de ano, e as persoas interesadas en participar teñen que chamar á oficina de Servizos Sociais –ao 981 492 179- para realizar a inscrición.

A musicoterapia é unha fórmula que ten excelentes resultados na estimulación cognitiva e no reforzo das relacións sociais e a comunicación. As persoas maiores adoitan respostar dun xeito moi positivo a este tipo de actividade, coa que mellora o seu ánimo e vitalidade.