O CONCELLO RETOMA A VINDEIRA SEMANA OS TALLERES DE MEMORIA E AS CLASES DE XIMNASIA TERAPÉUTICA
O Concello de Cedeira retoma a vindeira semana os talleres de memoria e as clases de ximnasia terapéutica que xa formaron parte nos últimos anos da programación de actividades que promove a Concellería de Servicios Sociais durante os meses de inverno, de xeito gratuíto, para a veciñanza. Son dúas propostas que contan cunha excelente acollida entre as persoas maiores.
Os talleres de memoria comezarán o día 17 e se desenvolverán nas tardes de cada luns e venres, en dúas quendas ás 16.00 e 17.30 horas. A actividade será na cafetería do Centro Sociocultural de Cedeira e desde o Concello indican que as persoas que xa participaron en edicións anteriores poden inscribirse directamente acudindo a unha das clases. Quen non estivera antes nos talleres deberá inscribirse nas oficinas de Servizos Sociais (de 10.00 a 13.00 horas).
Pola súa banda, a ximnasia terapéutica é unha actividade que corre a cargo dunha fisioterapeuta e que se desenvolve en diferentes parroquias. Neste caso as clases serán os martes e os xoves, a partir da vindeira semana. O local social de Esteiro acollerá a clase os martes ás 09.30 horas, mentres que na cafetería do Auditorio Municipal desenvolveranse na mesma xornada dúas quendas, ás 11.00 e ás 12.00 horas. Os xoves, a ximnasia terapéutica chegará aos locais veciñais de Montoxo (09.30 horas), San Román (10.45h) e Santalla (12.00h). Ao igual que no caso anterior, as persoas que xa participaron en anos anteriores so teñen que acudir ás sesións, mentres que as novas inscricións deben facerse en Servizos Sociais.
Desde o goberno municipal subliñan os beneficios que estas actividades teñen para as persoas maiores, tanto pola súa saúde física como mental, xa que favorecen a socialización e a convivencia.