Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

TELEFÓNICA AVANZA NA EXTENSIÓN DA REDE 5G EN CEDEIRA

A empresa Telefónica informa de que está a realizar a instalación de fibra no municipio para mellorar a conectividade 5G do pobo, co que a veciñanza gozará dunha rede máis rápida, fiable e coa máxima seguridade.

A día de hoxe xa se está instalando en Esteiro uno dos tendidos que axudará á correcta conexión desta fibra. Ademais, Telefónica informa de que se están a pedir as autorizacións para que os vecinos do centro da vila poidan asinar e facer as instalación correspondentes.

Algunhas das rúas nas que proximamente se instalará esta Fibra 5G serán: Avenida Castelao, Avenida de España, Rúa das Pontes de García Rodríguez, Rúa da Silva, Rúa María Mediadora e tamén na zona da Praza Roxa e algunhas do Floreal.

Ademais, a central de cobre quedará inutilizada tras a extensión da Fibra por todo o pobo, xa que proporcionará unhas prestacións moi superiores.

MÁIS DE 450 NENOS E NENAS, NOS CAMPAMENTOS ORGANIZADOS POLO CONCELLO E DIFERENTES ENTIDADES

O Concello de Cedeira continúa outro ano máis promovendo a conciliación familiar e laboral a través de campamentos e actividades para nenos e nenas, que se complementan cos organizados por diferentes agrupacións e clubes da vila. Este verán o número de participantes segue a aumentar, cos campamentos completos a maior parte do tempo.

O Concello promove un Campamento Urbano para menores de entre 5 e 12 anos, que se está a realizar nas instalacións do CEIP Nicolás del Río. Distribúese en quendas quincenais e mensuais, con 80 participantes no mes de xullo (36 na primeira quincena e 44 na segunda), e 45 este mes de agosto (22 na primeira quincena e 23 na segunda).

As propostas que se desenvolven ao longo da mañá, de nove a dúas entre o luns e o venres, son do máis variado. Moitas delas van dirixidas a todos os nenos e nenas e outras están adaptadas aos diferentes grupos de idades. Entroido de verán, olimpíadas, xornada con inchables, kayak, a visita ao museo Mares, xogos tradicionais e un longo etcétera forman parte do divertido día a día neste campamento.

Pero tamén, un ano máis, outras asociacións e clubs da localidade organizan os seus programas estivais, una iniciativa que o goberno local agradece pola súa contribución á conciliación da vida laboral e familiar durante o verán. Os campamentos son moi variados, propoñendo desde actividades deportivas a xogos de diversa índole, promovendo en todo caso o entretemento á vez que os hábitos saudables e a aprendizaxe de valores.

Á variada oferta que artellan as diferentes entidades da vila sumouse este ano por primeira vez o campamento de verán da Street Dance School, unha escola de bailes urbanos que consolidou a súa andadura nos últimos anos e que, de feito, vai comezar a competir neste 2023. Entre 50 e 60 nenos e nenas de 6 a 14 anos pasaron polas quendas quincenais do seu campamento, no que ademais de bailar houbo moitas outras actividades: rutas pola Capelada, por Punta Candieira, unha mañá de pesca, sesións de natación e xogos na piscina…

No eido deportivo, o Club Natación Cedeira está a desenvolver o seu curso de verán, ao que asisten entre 130 e 140 nenos e nenas de entre 4 e 16 anos. Moitos dos participantes xa eran membros do clube, pero arredor de 60 son novas incorporacións. Natación, triatlón, xogos e rutas de sendeirismo son as actividades que están a desenvolver, e coas que pretenden atraer a novos talentos que queiran continuar durante o curso escolar.

Pola súa banda, o Cedeira SD remata esta semana o seu campamento, ao que asistiron máis de 70 rapaces no mes de xullo, e arredor de 40 estas semanas de agosto, de entre 7 e 13 anos. Ademais de fútbol, realizaron diferentes actividades, mesturando xogos populares e tradicionais con outros máis innovadores, como o seguimento da King´s League (evento de fútbol a través da plataforma Twitch).

O Cedeira Basket Club está organizando quedadas de baloncesto para menores de entre 8 e 13 anos durante as mañás no parque do Floreal. Son actividades informais e gratuítas, que planean con pouca antelación e das que avisan polas súas redes sociais.

Por outra parte, a asociación sociocultural Sobre Rodas está a desenvolver desde o 26 de xuño coas súas colonias de verán, nas que os nenos e nenas de entre 2 e 12 anos realizan diferentes manualidades e xogos. Esta entidade, que leva máis de dez anos organizando campamentos, está orientada á integración e conta con monitores especializados. Debido á importante demanda de prazas do pasado verán (houbo lista de espera), este ano decidiron aumentar o número de monitores para poder ampliar o de participantes. Continuarán ata o 8 de setembro, e quedan só dúas prazas dispoñibles para este período.

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA O NOVO CÉSPEDE E OUTRAS MELLORAS NO CAMPO DO BECO POR PRETO DE 250.000€

O goberno municipal de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de da obra de substitución do céspede artificial do campo de fútbol municipal do Beco. É unha actuación orzamentada en 249.948€ (IVE incluído) que, segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, vai asumir o Concello con fondos procedentes do remanente do pasado exercicio. As empresas interesadas teñen ata o día 28 para presentar as súas ofertas.

O campo do Beco, con 6.577,2 metros cadrados de superficie e situado na parte traseira do Polideportivo Municipal, está marcado para poder xogar a fútbol 11, ao longo, ou ben a fútbol 7 -en dous campos pintados en transversal-. O seu céspede presenta deficiencias de nivelacións en varias zonas, o que fai que se formen charcos. É un problema que evita a tecnoloxía actual de campos artificiais de fútbol, coa que se van mellorar as condicións para o xogo e limitar as posibilidades de lesións durante o xogo.

O Concello instalará a través desta contratación un sistema de última xeración no campo, cunha herba artificial colocada sobre unha base elástica de 10mm de espesor que ofrecerá unha absorción de impactos superior ao 35%. O sistema de colocación, ademáis, garantirá unha maior durabilidade e a menor deformación co paso do tempo para esta instalación, que ten unha alta intensidade de uso ao longo de todo o ano.

Xunto co céspede en si, vai acometerse a renovación de elementos que están actualmente oxidados, tanto das porterías plegables de fútbol 7 como do sistema de drenaxe do campo, así como a instalación dun novo sistema de rego, aproveitando a rede xa existente, cuxos cañóns de saída de auga poderán extraerse e quedar a conexión por debaixo da superficie, sen molestar no xogo, cando non estean en uso.

O prazo de execución será dun mes.