Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MÁIS DE 450 NENOS E NENAS, NOS CAMPAMENTOS ORGANIZADOS POLO CONCELLO E DIFERENTES ENTIDADES

O Concello de Cedeira continúa outro ano máis promovendo a conciliación familiar e laboral a través de campamentos e actividades para nenos e nenas, que se complementan cos organizados por diferentes agrupacións e clubes da vila. Este verán o número de participantes segue a aumentar, cos campamentos completos a maior parte do tempo.

O Concello promove un Campamento Urbano para menores de entre 5 e 12 anos, que se está a realizar nas instalacións do CEIP Nicolás del Río. Distribúese en quendas quincenais e mensuais, con 80 participantes no mes de xullo (36 na primeira quincena e 44 na segunda), e 45 este mes de agosto (22 na primeira quincena e 23 na segunda).

As propostas que se desenvolven ao longo da mañá, de nove a dúas entre o luns e o venres, son do máis variado. Moitas delas van dirixidas a todos os nenos e nenas e outras están adaptadas aos diferentes grupos de idades. Entroido de verán, olimpíadas, xornada con inchables, kayak, a visita ao museo Mares, xogos tradicionais e un longo etcétera forman parte do divertido día a día neste campamento.

Pero tamén, un ano máis, outras asociacións e clubs da localidade organizan os seus programas estivais, una iniciativa que o goberno local agradece pola súa contribución á conciliación da vida laboral e familiar durante o verán. Os campamentos son moi variados, propoñendo desde actividades deportivas a xogos de diversa índole, promovendo en todo caso o entretemento á vez que os hábitos saudables e a aprendizaxe de valores.

Á variada oferta que artellan as diferentes entidades da vila sumouse este ano por primeira vez o campamento de verán da Street Dance School, unha escola de bailes urbanos que consolidou a súa andadura nos últimos anos e que, de feito, vai comezar a competir neste 2023. Entre 50 e 60 nenos e nenas de 6 a 14 anos pasaron polas quendas quincenais do seu campamento, no que ademais de bailar houbo moitas outras actividades: rutas pola Capelada, por Punta Candieira, unha mañá de pesca, sesións de natación e xogos na piscina…

No eido deportivo, o Club Natación Cedeira está a desenvolver o seu curso de verán, ao que asisten entre 130 e 140 nenos e nenas de entre 4 e 16 anos. Moitos dos participantes xa eran membros do clube, pero arredor de 60 son novas incorporacións. Natación, triatlón, xogos e rutas de sendeirismo son as actividades que están a desenvolver, e coas que pretenden atraer a novos talentos que queiran continuar durante o curso escolar.

Pola súa banda, o Cedeira SD remata esta semana o seu campamento, ao que asistiron máis de 70 rapaces no mes de xullo, e arredor de 40 estas semanas de agosto, de entre 7 e 13 anos. Ademais de fútbol, realizaron diferentes actividades, mesturando xogos populares e tradicionais con outros máis innovadores, como o seguimento da King´s League (evento de fútbol a través da plataforma Twitch).

O Cedeira Basket Club está organizando quedadas de baloncesto para menores de entre 8 e 13 anos durante as mañás no parque do Floreal. Son actividades informais e gratuítas, que planean con pouca antelación e das que avisan polas súas redes sociais.

Por outra parte, a asociación sociocultural Sobre Rodas está a desenvolver desde o 26 de xuño coas súas colonias de verán, nas que os nenos e nenas de entre 2 e 12 anos realizan diferentes manualidades e xogos. Esta entidade, que leva máis de dez anos organizando campamentos, está orientada á integración e conta con monitores especializados. Debido á importante demanda de prazas do pasado verán (houbo lista de espera), este ano decidiron aumentar o número de monitores para poder ampliar o de participantes. Continuarán ata o 8 de setembro, e quedan só dúas prazas dispoñibles para este período.