O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA O NOVO CÉSPEDE E OUTRAS MELLORAS NO CAMPO DO BECO POR PRETO DE 250.000€
O goberno municipal de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de da obra de substitución do céspede artificial do campo de fútbol municipal do Beco. É unha actuación orzamentada en 249.948€ (IVE incluído) que, segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, vai asumir o Concello con fondos procedentes do remanente do pasado exercicio. As empresas interesadas teñen ata o día 28 para presentar as súas ofertas.
O campo do Beco, con 6.577,2 metros cadrados de superficie e situado na parte traseira do Polideportivo Municipal, está marcado para poder xogar a fútbol 11, ao longo, ou ben a fútbol 7 -en dous campos pintados en transversal-. O seu céspede presenta deficiencias de nivelacións en varias zonas, o que fai que se formen charcos. É un problema que evita a tecnoloxía actual de campos artificiais de fútbol, coa que se van mellorar as condicións para o xogo e limitar as posibilidades de lesións durante o xogo.
O Concello instalará a través desta contratación un sistema de última xeración no campo, cunha herba artificial colocada sobre unha base elástica de 10mm de espesor que ofrecerá unha absorción de impactos superior ao 35%. O sistema de colocación, ademáis, garantirá unha maior durabilidade e a menor deformación co paso do tempo para esta instalación, que ten unha alta intensidade de uso ao longo de todo o ano.
Xunto co céspede en si, vai acometerse a renovación de elementos que están actualmente oxidados, tanto das porterías plegables de fútbol 7 como do sistema de drenaxe do campo, así como a instalación dun novo sistema de rego, aproveitando a rede xa existente, cuxos cañóns de saída de auga poderán extraerse e quedar a conexión por debaixo da superficie, sen molestar no xogo, cando non estean en uso.
O prazo de execución será dun mes.