Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O GOBERNO LOCAL PINTA A INSTALA UN NOVO CHAN DE TARIMA EN OITO AULAS DE INFANTIL DO CEIP NICOLÁS DO RÍO

Persoal municipal do Concello de Cedeira está a traballar estes días, aproveitando as vacacións de Semana Santa, na colocación dun novo chan de madeira en oito aulas de Infantil do colexio Nicolás do Río. Segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, son oito clases que tiñan chan de baldosa, deteriorado pola súa antigüidade e pouco acaído para que nenos e nenas senten ou fagan actividades sentados ou tumbados.

Así, o goberno municipal investiu pouco máis de 18.000€ (IVE incluído) na compra da tarima necesaria e un caucho especial que vai ir na debaixo do pavimento e que vai servir para illar e amortiguar os sons. Traballadores municipais están colocando o novo solo e pintando as oito aulas, que serán máis confortables para o alumnado á volta das vacacións.

Moreda explicou que esta é unha actuación que resposta a unha petición da dirección do centro. “Desde o Concello vemos que é unha necesidade, especialmente nas aulas de Infantil para evitarlles aos máis pequenos a sensación de frío do chan de baldosa”, comentou.

O alcalde subliñou a relación de colaboración e apoio que mantén o Concello co colexio, ao que tamén se dotou desde a administración local dun parque infantil de area, un chan de caucho para o patio (do que se financiou o 50%), a adecuación do patio do Areal, entre outras actuacións.

MOREDA ASINOU A ADHESIÓN DE CEDEIRA AO SISTEMA VIOGEN DE PROTECCIÓN ÁS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, asinou onte coa subdelegada do Gobierno na Coruña, María Rivas; e o Tenente Coronel Xefe interino da Comandancia de la Guardia Civil da Coruña, Fernando Pedreira, no marco dunha Xunta Local de Seguridade, o protocolo de adhesión ao sistema Viogen de protección de mullleres vítimas de violencia de xénero. Moreda explicou que esta é unha prioridade para Cedeira e agradeceu o compromiso da Delegación do Goberno co Concello.

Con Cedeira son xa 18 os concellos da provincia que se incorporaron ao sistema Viogen, pasando de tres a 18 no últimos catro anos. Actualmente, tal e como informou a subdelegada, outros cinco municipios da provincia están a tramitar xa a súa adhesión. O sistema Viogén permite que a Policía Local dispoña de máis información sobre todos os casos activos de violencia machista no municipio. Deste xeito, os propios axentes locais pasan a asumir o seguimento e control dalgúns destes casos, xeralmente daqueles que son considerados de nivel de risco baixo ou non apreciado. Nos casos de maior risco é a Garda Civil a que se encarga do seguimento.

María Rivas fixo especial fincapé na importancia de que os concellos se sumen a este sistema de vixilancia xa que tal e como explicou “a administración local é a máis próxima á cidadanía e, por tanto, as policías locais de cada municipio teñen un maior coñecemento das mulleres que son vítimas de violencia machista”. A subdelegada cualificou de “esencial e vital” ese cruzamento de información entre todas as administracións para poder actuar “dunha maneira máis coordinada e eficaz”.

En Cedeira, tal como se recordou na sinatura do protocolo, xa se deron tamén os pasos previos para a constitución da Mesa local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. Nestas mesas atópanse representados todos os actores que traballan en violencia de xénero e a súa función radica en conseguir facer unha radiografía do que ocorre no municipio. Prevención, detección e protección son os obxectivos principais deste órgano xunto ás forzas e corpos de seguridade.

“O traballo destas mesas resulta fundamental para promover, no ámbito das distintas administracións e servizos públicos, políticas e actuacións para a detección precoz deste problema social” explicou María Rivas. Ademais con estas mesas conséguese dar unha resposta máis agil ás vítimas. Actualmente na provincia da Coruña son 1.948 as vítimas de violencia de xénero con casos activos na provincia, unha cifra que demostra a importancia de contar con estes sistemas de vixilancia e protección

A subdelegada trasladou ao alcalde, Pablo Moreda o seu agradecemento polo esforzo realizado no desenvolvemento das políticas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, tal como se evidencia nas medidas. María Rivas destacou a lealdade institucional e colaboración do Concello neste asunto, o que permitirá incrementar a coordinación e a propia loita contra a violencia machista, xa que “posibilitará conseguir un mellor aproveitamento de todos os recursos dispoñibles para previr este tipo de violencia a nivel local”.

Neste sentido, a subdelegada destacou tamén que desde 2018 Cedeira recibiu case 20.112,97€ dos fondos do Pacto de Estado fronte á Violencia de Xénero. Estes fondos destínanse a campañas de sensibilización e prevención; atención e información ás vítimas ou a actuacións dirixidas á formación especializada continuada de profesionais do ámbito local en materia de igualdade entre mulleres e homes.

María Rivas lembrou que a Subdelegación do Goberno está a traballar “de forma continuada” para impulsar a adhesión de municipios da provincia ao sistema Viogen e combater con todos os medios posibles a violencia de xénero.

“Para este Goberno loitar contra a violencia de xénero é unha cuestión de máxima prioridade, na que necesitamos a colaboración de todas as partes implicadas, tanto das administracións como da sociedade en xeral”, explicou a subdelegada quen aproveitou para facer un chamamento á cidadanía para traballar unida e “ conseguir arroupar ás vítimas para facerlles sentir non están soas”.

O PLENO DE CEDEIRA APROBA A INCORPORACIÓN AOS ORZAMENTOS DE PRETO DE 600.000€ DE REMANENTES

O pleno da corporación do Concello de Cedeira aprobou antonte co voto a favor do PSdeG e do PP e a abstención do BNG a incorporación aos orzamentos municipais do presente ano de remanantes do pasado exercicio por valor de preto de 600.000€, que sumados aos orzamentos aprobados no pasado mes de febreiro fan que a administración local xestione este ano algo máis de sete millóns de euros. A Alcaldía presentou dúas propostas de modificación de créditos, unha por valor de 190.352,81€ e outra de 403.989,85€, en ambos os dous casos co preceptivo informe favorable de Intervención indicando que as operacións se axustan ás normas orzamentarias vixentes. Os fondos asígnanse a sete e dez actuacións, respectivamente, para a compra de equipamentos ou financiación de obras e servizos.

Así, a incorporación destes fondos sobrantes tras o peche do exercicio económico de 2022 van permitir ao Concello de Cedeira afrontar a instalación dunha marquesina na entrada do Auditorio (25.270,85€), a colocación de novo céspede artificial no campo do Beco (259.000€), a compra dunha hidrolimpadora para mellorar o servizo municipal de limpeza viaria (4.250€) e de dúas desbrozadoras para o de parques e xardíns (2.190€).

Tamén resérvanse 18.000€ destes fondos para unha nova campaña no xacemento arqueolóxido do Campo do Castro; 7.500€ para a aportación municipal do convenio coa Deputacón para a celebración do campionato de volei praia; 70.000€ para a construción dunha nova pista deportiva; 2.178€ para renovar 80 asientos no campo municipal de fútbol; 12.000€ para obras de saneamento en Mosende e 18.000€ para o acondicionamento das salas do Palacete que van acoller a colección de obxectos doados por Rafael Usero.

Súmase ao anterior a consignación de 18.105,75€ nos arranxo da baranda de forxa na subida a Piñeiro; 2.847,06€ para a mellora dunhas instalacións técnicas do Autorio; 50.000€ para a contratación de monitores para diversos cursos deportivos; 20.000€ para actividades culturais; 40.000 para festas e 45.000€ para o aglomerado de pistas.