Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

MANUEL CARBALLEIRA GAÑA O IX CERTAME DE PINTURA RÁPIDA VILA DE CEDEIRA

Un total de 31 artistas procedentes de diferentes puntos de dentro e fóra de Galicia acudiron a Cedeira para participar no seu certame de pintura rápida. O lucense afincado en Valdoviño Manuel Carballeira foi o gañador desta novena edición do concurso, mentres que Beni Rodríguez, de Gijón, recibiu o segundo premio e o ferrolán Andrés Gabarres, o terceiro. Correspondéronlles, respectivamente, premios de 800, 600 e 400€ respectivamente xunto con cadanseu diploma.

O concelleiro de Cultura, José Antonio Arribe, xunto cos artistas Marta Pérez Durán e Andrés Urrutia Beato conformaron o xurado desta edición. Dáse a circunstancia de que o terceiro premio deste ano foi o gañador da anterior edición e que tamén o primeiro e o segundo teñen levado premios en edicións anteriores.

Como é habitual, pintores e pintoras repartíronse ao longo da xornada por diferentes puntos da localidade para realizar as súas obras, nos soportes previamente selados pola organización, e ás 17.30 horas acudiron a entregar o resultado á Sala Áncora para sometelo á deliberación do xurado.

Cómpre destacar a elevada participación nesta edición do certame, sensiblemente superior á de anos anteriores, e tamén con elo a calidade das obras executadas ao longo da xornada.

O CONCELLO LICITA O CAMBIO DO ASCENSOR HIDRÁULICO DO AUDITORIO POR UN ELÉCTRICO, MÁIS EFICIENTE E FIABLE

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de licitación para o cambio do ascensor do Auditorio Municipal, unha actuación que ten un presuposto de 46.566€ (IVE incluído). É unha actuación que o goberno local vai financiar co Fondo de Compensación Ambiental, segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil.

O proxecto consiste en sustituír o actual ascensor hidráulico por un eléctrico, máis eficiente enerxeticamente e máis fiable, que evitará as frecuentes averías e fallos que ten agora o elevador. Trátase dun elemento esencial para garantir a accesibilidade no inmoble, que ten en total seis andares e un uso intensivo polas moitas actividades que alí se desenvolven, entre elas as clases da Escola de Música.

Gran parte dos problemas que rexistra o equipamento actual son resultado das inundacións que se producen no soto do inmoble cando vai moita choiva. O novo proxecto anula o acceso ao elevador desde este andar, aproveitando o oco para instalar alí a nova maquinaria.

Será un ascensor máis eficiente, con menos consumo de enerxía e que polo tanto aforra contaminación á atmósfera. Ademais, polas súas características e polo rigoroso control de calidade que ten o novo modelo eléctrico, o mantemento vai ser máis sinxelo e as inspeccións periódicas servirán para predicir problemas e garantir o seu uso sen interrupcións. Será tamén máis rápido que o actual e con máis capacidade, de ata oito persoas.

As empresas interesadas en presentar ofertas poderán facelo ata o día 6 de setembro. O prazo de execución é de dous meses.

PUBLICADAS AS BASES DO IX CERTAME DE PINTURA RÁPIDA VILA DE CEDEIRA

Data de celebración: 27 de agosto de 2023.

O estilo e a técnica serán libres, a súa temática xirará en torno á paisaxe, e o espazo físico no que se realicen debe ser no entorno que abrangue o paseo marítimo, a praia da Madalena, o paseo da Mariña, zona do río Condomiñas, praia da Area Longa, casco vello e Porto de Cedeira. A execución será directa, diante do motivo ou do modelo natural, non poidendo utilizarse para tal fin fotografías tomadas con antelación.
Os/as pintores/as deberán mandar vía whatsapp ao número 649876614 a localización do lugar onde vaian realizar a súa obra.

Os premios, que estarán suxeitos á retención fiscal establecida, serán:

1º. – 800€ e diploma.

2º. – 600€ e diploma.

3º. – 400€ e diploma.

Pódese descargar as bases na seguinte ligazón:

Descarga PDF Bases do certame de pintura rápida Vila de Cedeira 2023