MANUEL CARBALLEIRA GAÑA O IX CERTAME DE PINTURA RÁPIDA VILA DE CEDEIRA
Un total de 31 artistas procedentes de diferentes puntos de dentro e fóra de Galicia acudiron a Cedeira para participar no seu certame de pintura rápida. O lucense afincado en Valdoviño Manuel Carballeira foi o gañador desta novena edición do concurso, mentres que Beni Rodríguez, de Gijón, recibiu o segundo premio e o ferrolán Andrés Gabarres, o terceiro. Correspondéronlles, respectivamente, premios de 800, 600 e 400€ respectivamente xunto con cadanseu diploma.
O concelleiro de Cultura, José Antonio Arribe, xunto cos artistas Marta Pérez Durán e Andrés Urrutia Beato conformaron o xurado desta edición. Dáse a circunstancia de que o terceiro premio deste ano foi o gañador da anterior edición e que tamén o primeiro e o segundo teñen levado premios en edicións anteriores.
Como é habitual, pintores e pintoras repartíronse ao longo da xornada por diferentes puntos da localidade para realizar as súas obras, nos soportes previamente selados pola organización, e ás 17.30 horas acudiron a entregar o resultado á Sala Áncora para sometelo á deliberación do xurado.
Cómpre destacar a elevada participación nesta edición do certame, sensiblemente superior á de anos anteriores, e tamén con elo a calidade das obras executadas ao longo da xornada.