Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO LICITA O CAMBIO DO ASCENSOR HIDRÁULICO DO AUDITORIO POR UN ELÉCTRICO, MÁIS EFICIENTE E FIABLE

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de licitación para o cambio do ascensor do Auditorio Municipal, unha actuación que ten un presuposto de 46.566€ (IVE incluído). É unha actuación que o goberno local vai financiar co Fondo de Compensación Ambiental, segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil.

O proxecto consiste en sustituír o actual ascensor hidráulico por un eléctrico, máis eficiente enerxeticamente e máis fiable, que evitará as frecuentes averías e fallos que ten agora o elevador. Trátase dun elemento esencial para garantir a accesibilidade no inmoble, que ten en total seis andares e un uso intensivo polas moitas actividades que alí se desenvolven, entre elas as clases da Escola de Música.

Gran parte dos problemas que rexistra o equipamento actual son resultado das inundacións que se producen no soto do inmoble cando vai moita choiva. O novo proxecto anula o acceso ao elevador desde este andar, aproveitando o oco para instalar alí a nova maquinaria.

Será un ascensor máis eficiente, con menos consumo de enerxía e que polo tanto aforra contaminación á atmósfera. Ademais, polas súas características e polo rigoroso control de calidade que ten o novo modelo eléctrico, o mantemento vai ser máis sinxelo e as inspeccións periódicas servirán para predicir problemas e garantir o seu uso sen interrupcións. Será tamén máis rápido que o actual e con máis capacidade, de ata oito persoas.

As empresas interesadas en presentar ofertas poderán facelo ata o día 6 de setembro. O prazo de execución é de dous meses.