Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

ANUNCIO DA “APROBACIÓN INICIAL DA ORDENANZA DE ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA DO CONCELLO DE CEDEIRA”

O Pleno do Concello de Cedeira, en sesión ordinaria realizada o 30.03.2023, acordou a aprobación inicial da Ordenanza de Administración electrónica.

De conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, sométese o expediente a información pública polo prazo de trinta días, a contar dende o seguinte ao da inserción do presente anuncio no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios do Concello, co fin de que os interesados poidan examinalo e presentar as reclamacións e suxerencias que estimen oportunas, encontrándose o expediente de manifesto na Secretaría do Concello durante o prazo sinalado. Así mesmo, estará a disposición dos interesados o texto da Ordenanza municipal no portal web do Concello (dirección: www.cedeira.gal).

De non presentarse reclamacións durante o citado prazo, a Ordenanza considerarase definitivamente aprobada.

DESCARA PDF Anuncio BOP Aprobación inicial da Ordenanza de Administración electrónica do Concello de Cedeira

DESCARA PDF Ordenanza de Administración electrónica do Concello de Cedeira

A BANDA DE MÚSICA VILA DE CEDEIRA OFRECE ESTE MÉRCORES O TRADICIONAL CONCERTO DAS LETRAS GALEGAS

A Banda de Música Vila de Cedeira ofrecerá este mércores o seu tradicional Concerto do Día das Letras Galegas. A cita será ás 19.00 horas no Auditorio Municipal, con entrada de balde, e o recital levará por título “Lendas, contos e…música”.

Baixo a dirección de Eduardo Mallén, a Banda de Música Vila de Cedeira intercalará nesta ocasión a lectura de pequenas pasaxes de contos e lendas, tal como anuncia o título do concerto, cun repertorio musical no que destacará a presenza de compositores galegos como David Fiuza.

A Banda de Música de Cedeira ten consolidado o seu prestixio coa súa traxectoria de máis de trinta anos, tempo no que levou diferentes premios e participou en eventos de dentro e fóra de Galicia. Nos últimos anos viviu un cambio xeracional, coa incorporación de novos instrumentistas e un novo director, Eduardo Mallén, un reforzo máis cara o futuro dunha formación que exemplifica o gusto e a tradición musical de Cedeira.

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA OS CAMPAMENTOS DEPORTIVOS DE VERÁN DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

As inscricións poderán realizarse ata o 7 de xuño no noso concello, ao cal correspóndelle a primeira quenda (2 de xullo ao 7 de xullo).
Os campamentos están destinados a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos de idade e desenvolveranse no IES Rosalía Mera da Deputación, situado na cidade da Coruña. O prezo do campamento é de 85 euros, que inclúe transporte, estadía e manutención, así coma o gasto das actividades.
Terán preferencia os rapaces/as que non participasen no campamento deportivo da Deputación en edicións anteriores. (Realizarase o sorteo, no caso de ser preciso, nos dous días seguintes á ¬finalización do prazo de inscrición).
Durante as xornadas de campamento, a rapazada participante poderá gozar de deportes náuticos, actividades ao aire libre, excursións á praia e visitas culturais, deportivas e etnográficas en zonas de interese na provincia da Coruña. As actividades e xogos buscarán en todo momento fomentar a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demais.

Solicitude campamentos deportivos 2023