Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Cedeira inviste case 40.000 euros en proxectos de mellora e mantenemento do pavillón e o campo de fútbol

CEDEIRA INVISTE CASE 40.000 EUROS EN PROXECTOS DE MELLORA E DE MANTEMENTO DO PAVILLÓN E O CAMPO DE FÚTBOL

O goberno de Cedeira vén de investir case 40.000 euros (39.784,14 euros) na realización de obras de mellora nas instalacións deportivas de propiedade municipal.

Esta política deu lugar á compra de material e a realización de algunhas reformas no pavillón polideportivo, así como a erradicación de humidades nas bancadas e na substitución dos bancos soterrados utilizados por adestradores e xogadores suplentes no campo de fútbol do Beco.

As obras levadas a cabo no pavillón consistiron na substitución das billas das duchas e dos lavabos dos vestiarios e na instalación de novas válvulas para regular o sistema da auga quente da piscina municipal, traballos acometidos polas empresas Carlos Yáñez Nebril e Instalaciones e Mantenimento Cedeira SL, respectivamente. Tamén se renovou a tapizaría das máquinas do ximnasio, obra realizada por David Areas López, e foron adquiridas un total de cinco bicicletas verticais e seis de spinning co fin de incrementar o número de usuarios.

En canto ás melloras realizadas no campo de fútbol do Beco consistiron na eliminación dos problemas de humidades que estaban a afectar ás gradas, obra que foi contratada a empresa de Ángel Grandal Calvo, e na substitución dos bancos soterrados por outros ao mesmo nivel do terreo de xogo. Esta última obra foi executada pola empresa Kaizen Management SL e o proxecto deu lugar á demolición dos antigos bancos, o recheo da base de formigón do oco que deixaron as antigas estruturas -situadas a metro e medio da liña de banda do campo de fútbol-, e a colocación de soportes metálicos para a posterior instalación dos que xa están a funcionar.

Charla sobre educación viaria, o martes no auditorio municipal

CHARLA SOBRE EDUCACIÓN VIARIA, O MARTES NO AUDITORIO MUNICIPAL

O martes, ás 12.00 horas, ofrecerase unha charla sobre seguridade viaria na biblioteca do auditorio municipal. A Dirección Xeral de Tráfico, a Policía Local e o Concello colaboran nesta iniciativa. A coordinadora de educación viaria da JPT Coruña impartirá a sesión informativa e todos os asistentes recibirán un chaleco reflector ao finalizar. Gratuíta.

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Charla sobre educación viaria, o martes no auditorio municipal

A Deputación mellora a seguridade viaria no acceso a San Andrés de Teixido

A DEPUTACIÓN MELLORA A SEGURIDADE VIARIA NO ACCESO A SAN ANDRÉS DE TEIXIDO

A Deputación da Coruña acaba de licitar por 607.086,65 euros as obras de ampliación e modificación do trazado da estrada provincial DP 2204 ao seu paso polo núcleo de Pontigas, no municipio de Cedeira. Trátase, en palabras do presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, «dun dos proxectos máis ambiciosos que está a desenvolver actualmente a Deputación», pois se trata da mellora dun viario «que conduce a un dos principais destinos turísticos da provincia da Coruña, Santo André de Teixido».

O proxecto supón un investimento de 731.188,53 euros, dos que 607.086,65 destinaranse a sufragar a execución das obras e os restantes 124.101,88 euros ás expropiacións necesarias para a realización dos traballos, que requiren a ocupación de 16.000 metros cadrados de terras de monte, prado e labradío.

As empresas interesadas en participar na licitación poden presentar as súas ofertas ata o 12 de novembro e prevese que os traballos poden estar en execución no primeiro trimestre do 2019.

González Formoso destacou que «a construción da variante permitirá evitar o tráfico no núcleo de Pontigas, nunha zona de curvas que discorre moi próxima ás vivendas» e apuntou que as obras «pemitirán mellorar a seguridade vial ancheando a estrada ata os oito metros e dotándoa de beiravías e dunha mellor visibilidade».

A modificación do trazado do viario, que rexistra un importante volume de tráfico debido á circulación de autobuses en dirección a San Andrés e os miradoiros dos cantiis da zona, realizarase coa construción dunha nova variante cunha lonxitude aproximada de 1,2 quilómetros e o acondicionamento dun viario de ligazón de 330 metros que permitirá rodear o núcleo de Pontigas, onde as vivendas están moi preto da vía.

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN A Deputación mellora a seguridade viaria no acceso a San Andrés de Teixido