Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A Deputación mellora a seguridade viaria no acceso a San Andrés de Teixido

A DEPUTACIÓN MELLORA A SEGURIDADE VIARIA NO ACCESO A SAN ANDRÉS DE TEIXIDO

A Deputación da Coruña acaba de licitar por 607.086,65 euros as obras de ampliación e modificación do trazado da estrada provincial DP 2204 ao seu paso polo núcleo de Pontigas, no municipio de Cedeira. Trátase, en palabras do presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, «dun dos proxectos máis ambiciosos que está a desenvolver actualmente a Deputación», pois se trata da mellora dun viario «que conduce a un dos principais destinos turísticos da provincia da Coruña, Santo André de Teixido».

O proxecto supón un investimento de 731.188,53 euros, dos que 607.086,65 destinaranse a sufragar a execución das obras e os restantes 124.101,88 euros ás expropiacións necesarias para a realización dos traballos, que requiren a ocupación de 16.000 metros cadrados de terras de monte, prado e labradío.

As empresas interesadas en participar na licitación poden presentar as súas ofertas ata o 12 de novembro e prevese que os traballos poden estar en execución no primeiro trimestre do 2019.

González Formoso destacou que «a construción da variante permitirá evitar o tráfico no núcleo de Pontigas, nunha zona de curvas que discorre moi próxima ás vivendas» e apuntou que as obras «pemitirán mellorar a seguridade vial ancheando a estrada ata os oito metros e dotándoa de beiravías e dunha mellor visibilidade».

A modificación do trazado do viario, que rexistra un importante volume de tráfico debido á circulación de autobuses en dirección a San Andrés e os miradoiros dos cantiis da zona, realizarase coa construción dunha nova variante cunha lonxitude aproximada de 1,2 quilómetros e o acondicionamento dun viario de ligazón de 330 metros que permitirá rodear o núcleo de Pontigas, onde as vivendas están moi preto da vía.

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN A Deputación mellora a seguridade viaria no acceso a San Andrés de Teixido