Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Cedeira executa obras de asfaltado nos camiños Sartego-Birizo, Sisalde, Ventosa e Faro Candieira

Xa foron executados catro novos proxectos de asfaltado incluídos no plan de mellora de camiños que o goberno de Cedeira executa con cargo aos fondos Agader 2018 e con aportacion municipal. Estas novas obras son Sartego-Birizo, Sisalde, Ventosa e Faro Candieira.

En total foron arredor de 3.500 metros de novos asfaltados que, divididos en diferentes tramos, teñen unha media de 882 metros cada un deles. En todos os casos, as obras consistirán na limpeza de cunetas por ámbalas dúas marxes, en ampliar en 15 centímetros a altura da capa de rodaxe e no rego asfáltico semiprofundo e superficial no conxunto das superficies intervidas.

Este último investimento supera os 45.000 euros e os traballos foron executados pola empresa SYR-AMG. O goberno municipal, a través do alcalde, Pablo Moreda Gil, considera necesario seguir investindo en infraestruturas para garantir a seguridade de condutores e peóns, así como para facilitar a comunicación en todo o termo municipal.

Nos últimos tres meses, o Concello leva gastado case 100.000 euros na reparación de camiños. Cabe recordar que no mes de novembro invistiu outros 54.762,95 euros na reparación doutros camiños rurais de titularidade municipal: Vilarcay, Meizoso, As Bieiteiras e Igrexa de Cervo.

Cedeira demanda da Xunta un centro de día cunha campaña de recollida de firmas

O Concello de Cedeira vén de poñer en marcha unha campaña de recollida de sinaturas demandando á Xunta a creación dun centro de día no municipio, “por carecer a día de hoxe dun centro público que dea apoio nin aos 125 veciños declarados dependentes nin ás persoas que teñen que exercer o papel de coidadoras”.

O goberno municipal conta co apoio e a colaboración do movemento asociativo para levar a cabo o devandito propósito. De feito, a veciñanza que desexe secundar esta iniciativa pode facelo nas sedes sociais de Eixil, Sobre rodas, Rondalla de Cedeira, Virxe do Mar, Veciñanza de Piñeiro, Discalz@s polo Festival, Amas de Casa, Vila de Cedeira, Robaleira, Museo Mares de Cedeira, Patchwork de Cedeira, Asociación de Maiores, Cultural Garola, Acordeóns de Cedeira, Tarroiba, Coral Herbeira e Aturuxeiras, así como no propio Concello, no Palacete, na oficina dos Servizos Sociais e máis no polideportivo.

A través do escrito que xa se está a repartir, o executivo local tamén pon de manifesto o seu compromiso de colaborar coa Xunta na realización do proxecto poñendo á súa disposición os terreos necesarios para a realización dunha obra que “axudaría a solucionar os problemas de atención e coidado que requiren as persoas dependentes e as consecuencias que acaban sufrindo as coidadoras”.

Uns 160 fogares de Cedeira, a maioría da zona rural, xa reciclan en orixe

Un total de 160 fogares de Cedeira, na súa maioría na zona rural, xa reciclan en orixe, segundo informa o goberno municipal, tras a adquisición das últimas vinte unidades de composteiros de 350 litros de capacidade, fabricados en materiais reciclados e con manuais didácticos de apoio. A devandita cantidade súmase aos 60 que xa estaban en funcionamento e aos 80 que, por iniciativa municipal, se levan adquiridos nos últimos tres anos.

Desde o executivo cedeirense vénse apostando por unha política respectuosa co medio ambiente, xa sexa coa substitución das lámpadas de vapor de sodio por outras de tecnoloxía led como polo tratamento en orixe do 42% da materia orgánica que vai das bolsas ao contedor.

Desta maneira tanto se están a evitar as emisións de CO2 á atmósfera como se reduce a frecuencia do servizo de recollida e o de transporte ata a planta de tratamento e diminúe a factura que o Concello ten que pagar a Sogama polo tratamento dos residuos. Ademais tamén se está a xerar compost e mesmo alimento para o gando.