Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Cedeira repartirá máis de 2.200 euros en premios durante as celebracións do Entroido 2019

CEDEIRA REPARTIRÁ MÁIS DE 2.200 EUROS EN PREMIOS DURANTE AS CELEBRACIÓNS DO ENTROIDO 2019

O Concello de Cedeira repartirá máis de 2.200 euros en premios nos diferentes concursos que organiza con motivo das celebracións do Entroido. O certame de disfraces terá lugar o sábado 2 de marzo e pódese participar tanto na modalidade comparsas (9 ou máis compoñentes), grupos (de 3 a 8 compoñentes), parellas e individuais.

As comparsas e grupos teñen a posibilidade de ir cun carro ou plataforma, cunha altura máxima permitida de tres metros, e unha mesma persoa non poderá participar en máis dunha categoría. Son dous dos requisitos que figuran nas bases dunha convocatoria que nos vindeiros días poderá ser consultada na web institucional (www.cedeira.gal), no taboleiro do Concello e mesmo na oficina de Turismo. A data límite para inscribirse é o día 28 de febreiro e o prazo abrirase a próxima semana. O trámite débese levar a cabo no Rexistro do Concello.

O desfile do día 2 dará comezo ás 17.00 horas. O seu punto de partida será a praza Roxa e, despois de percorrer as principais rúas da vila, chegará ao pavillón polideportivo, que acollerá as actuacións. A animación correrá a cargo da Batukada dos Discalz@s.

O xurado estará formado por representantes de asociacións ou colectivos nomeados pola administración local, que valorará o vestiario e estética dos participantes, a creatividade dos disfraces, a posta en escena e a animación. A xornada do sábado 2 de marzo rematará coa actuación da orquestra “Israel” na praza Roxa, a partir das 23.45 horas.

A festa infantil será o luns 4 e tamén terá como referencia o pavillón municipal, no que haberá desde música ata animación e inchables para garantir o éxito da convocatoria.

Con motivo da celebración do Enterro da Sardiña, previsto para o día 9, ás 19.00 horas -primeiro na praza da Marieta e despois na praia da Madalena-, o Concello invita á veciñanza a participar na festa dunha forma máis activa que a simple asistencia aos actos. Este ano, como xa acontecera o anterior, desde a área de Cultura anímase aos veciños e veciñas a facer coplas satíricas que posteriormente se lerán durante a celebración do enterro. Desde a organización faise constar que quedarán excluídas aquelas que utilicen unha linguaxe groseira, insultos, ameazas, comentarios sexistas, xenófobos ou homófobos. Tamén prégase rigoroso loito e sentidas choromicadas durante a celebración deste funerario acto.

As Asociacións das Amas de Casa, Aturuxeiras, Veciñanza de Piñeiro e a Banda Vila de Cedeira colaboran co Concello de Cedeira na organización do Enterro da Sardiña co que pecharán as citas do Entroido 2019.

Cedeira acollerá un partido de fútbol internacional entre equipos locais e xogadores do Miami

CEDEIRA ACOLLERÁ UN PARTIDO DE FÚTBOL INTERNACIONAL ENTRE EQUIPOS LOCAIS E XOGADORES DO MIAMI

Cedeira estase a preparar para recibir nuns días a uns 100 estadounidenses con motivo da celebración de encontros de fútbol nos que os equipos do Cedeira SD- nas modalidades de alevíns, cadete e xuvenil- se enfrontarán aos do WSF All Star Miami Cup.

Os partidos serán o domingo 24 de febreiro en horario de dez da mañá a doce e media do mediodía. As competicións terán lugar no campo municipal O Beco e a iniciativa, para a que o equipo local conta coa axuda do Concello e da Deputación, dará lugar así mesmo á celebración dun Campus de Fútbol, que se desenvolverá tanto o venres como o sábado desa mesma semana.

En total viaxarán desde Miami uns 60 menores, que virán acompañados de adestradores e mesmo de algúns pais. Esta é a segunda ocasión na que a vila de Cedeira acolle un partido “Amigable Internacional”, co que se favorece o intercambio deportivo e se axuda a crear vínculo entre ambas comunidades.

O presidente do Cedeira SD, David Abella Bouza, confirma que tamén existe a intención de facer a viaxe á inversa cara ao 2020, de maneira que os xogadores locais poidan tomar contacto con outra sociedade e outra cultura deportiva.

O goberno apoia as reivindicacións das plataformas sanitarias galegas asistindo ás concentracións locais

O GOBERNO APOIA AS REVINDICACIÓNS DAS PLATAFORMAS SANITARIAS GALEGAS ASISTINDO ÁS CONCENTRACIÓNS LOCAIS

O goberno de Cedeira apoia coa súa presenza as concentración que todos os luns se están a levar a cabo diante do centro de saúde para denunciar o desmantelamento do sistema público de saúde.

As protestas, que se celebran ás 12.00 e 18.00 horas, teñen como obxectivo secundar as medidas e reivindicacións que se veñen plantexando desde SOS Sanidade pública, plataformas sanitarias galegas e mesmo formacións políticas e sindicatos, que acusan ao goberno da Xunta de “desmantelar o sistema público en beneficio de empresas privadas”.

Desde o executivo, que tamén pon o acento nos problemas locais -falta de médicos e lista de espera- invítase á veciñanza a secundar coa súa presenza unhas accións coas que se trata de esixir unha sanidade pública de calidade.