Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Cedeira asinará un convenio coa Xunta que garanta a continuidade do proxecto arqueolóxico do Sarridal

O Concello de Cedeira asinará un convenio coa Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, que garanta a continuidade dos traballos arqueolóxicos no campo do Sarridal.

É a resposta da administración autonómica á petición formulada desde o Concello no sentido de buscar apoio financiero e técnico para desenvolver un proxecto que resulta “prioritario” para a posta en valor e a difusión do patrimonio local, segundo apuntou o rexedor municipal, Pablo Moreda Gil, á saída da entrevista coa directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insua. Participaron tamén no encontro o xefe de Arqueoloxía da Xunta, Roberto Pena Puente, e María Xosé Rodríguez López, concelleira do BNG na corporación municipal, arqueóloga de profesión e persoa coa que quere contar o goberno municipal “polos seus coñecementos e a súa implicación no arranque dun proxecto que é de toda a corporación”, dixo o alcalde.

A sinatura do acordo implica o compromiso explícito do Concello de seguir investindo no xacemento, coa “dificultade” de que “non sabemos ata onde pode chegar”, segundo apuntou Moreda Gil. Seguiranse a presentar tamén traballos tanto do que se leva realizado como do que está proxectado para o presente ano. Neste sentido, o alcalde apuntou que os traballos máis inmediatos consistirán na consolidación da muralla, a construción dun peche perimetral e a difusión da riqueza patrimonial do xacemento entre o alumnado do colexio Nicolás del Río e do IES Candieira.

O alcalde, que valora e agradece a boa disposición atopada entre os responsables da Xunta, entende que o proyecto de Sarridal é de “gran relevancia” tanto para o presente como para o futuro de Cedeira, considera que o coñecemento do patrimonio local axuda a crear comunidade e pon de manifesto o total compromiso do executivo local na posta en valor deste potencial como referencia “dunha Cedeira histórica pero con futuro”.

Pola súa banda, a concelleira do BNG, María Xosé López, mostrou o seu total compromiso a seguir colaborando na consolidación e prolongación do traballo arqueolóxico do Sarridal, “tanto por interese persoal e profesional como por ter participado no inicio dun proxecto posto en marcha polo anterior goberno do que eu formaba parte”.

Comeza a funcionar o elevador de escaleiras no Polideportivo de Cedeira

No polideportivo municipal de Cedeira xa está a funcionar o elevador de escaleiras instalado polo Concello como medida de accebilidade.

Trátase dunha plataforma que permite salvar os tramos de chanzos ata as bancadas situadas no primeiro e segundo andar do pavillón municipal, no que se desenvolve unha ampla actividade deportiva ao longo de todo o ano.

O investimento realizado superou os 14.400 euros, unha cantidade que se suma a outras anteriores e de maior contía que deron lugar á instalación dun ascensor na biblioteca, á ampliación de beirarrúas nas principais avenidas da vila e ao proceso de eliminación de barreiras arquitectónicas acometido tanto nos pasos de peóns como nos edificios públicos, entre outros no Palacete.

Máis recentemente o Concello acometeu a reforma da rúa Convento coa intención de mellorar a súa accesibilidade e, cara ao presente mandato, prográmase a reurbanización da praza 18 Decembro, antes coñecida como a dos Cabalos. Neste proxecto prevese a instalación de pavimentos táctiles para persoas con discapacidade visual nalgunos tramos da zona peonil, entre outras medidas de accesibilidade.

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, recordou que entre os obxectivos do goberno municipal está “a facer de Cedeira un concello accesible, tanto á hora de utilizar edificios públicos como de facer deporte, pasear polos espazos verdes ou camiñar polas beirarrúas”. O plan municipal de mobilidade está a ser a referencia do goberno municipal para adecuar os espazos comúns ao uso de todos.

Xunta, Concello e Confraría comprométense co futuro do pósito local

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, acompañado do Patrón Maior da Confraría, Eduardo González López, reuníronse onte en Santiago coa titular da Consellería do Mar, Rosa Quintana Carballo, para abordar de maneira conxunta o problema que está a xerar a actual fábrica de xeo polos seus elevados custos tanto de mantemento, uns 100.000 euros anuais, como de consumo. A factura eléctrica anual está entre os 60.000 e 70.000 euros.

A proposta da Consellería do Mar, cuxa titular mostrou a súa preocupación pola situación que está a atravesar a Confraría, o acordo alcanzado esta mañá pasa por unha implicación das tres partes, Xunta, Concello e Confraría, para garantir a viabilidade do pósito, con accións a curto, medio e largo prazo.

Así, de maneira inmediata a Confraría buscará financiamento para o gasto enerxético a través das axudas que en cuestión de días convocará a Consellería do Mar e cuxa contía pode chegar aos 60.000 euros.

O compromiso do Concello pasa, a medio prazo, pola compra de dúas propiedades do pósito local, mentres que a acción do executivo autonómico, que xa sería a mais longo prazo, dará lugar ao estudio dun proxecto para a construción dunha fábrica de xeo que se axuste ás necesidades e características da actividade pesqueira de Cedeira.

O rexedor municipal valorou a reunión celebrada onte en Santiago, ao tempo que mostraba o seu total apoio ás reivindicacións da Confraría por “ser un dos motores económicos máis importantes que ten Cedeira, por historia e tradición, e, sobre todo, pola cantidade de traballo co que colabora ao desenvolvendo local”. Pablo Moreda apuntou así mesmo que, non só hai que buscar empresas que veñan ao territorio, asunto que tamén é importante, senón que hai que conservar e loitar polo empresariado local, polo noso, para facer atractiva a nosa comarca, para que exista creación de emprego coa implantación de novas empresas pero tamén consolidar as que xa existen”.