Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A xuntanza de palilleiras de Cedeira chega este ano á súa decimosexta edición

A XUNTANZA DE PALILLEIRAS DE CEDEIRA CHEGA ESTE ANO Á SÚA DECIMOSEXTA EDICIÓN

O Concello de Cedeira colabora coa Asociación de Amas de Casa da localidade na organización da XVI Xuntanza de Palilleiras, Patchwork e Bordado Tradicional que o día 19 terá lugar no polideportivo municipal.

A actividade desenvolverase de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas e na mesma tomarán parte arredor de catrocentas persoas. Durante o encontro haberá demostracións en vivo de patchwork, bordado e encaixe; venda e exposición de traballos e agasallos entre os asistentes.

As actividades darán comezo coa apertura do pavillón e o tradicional saúdo de benvida por parte do equipo de goberno.

O primeiro dos sorteos terá lugar sobre a unha da tarde. Unha estancia para dúas persoas nun aloxamento rural, roupa, botellas de viño e ata décimos de lotería son só algúns dos agasallos que a organización rifará nesta edición do certame grazas á axuda desinteresada dos sectores de hostalería, comercio e empresariado local. Nun segundo sorteo, que terá lugar a media tarde, distinguiranse a persoa de máis idade, a máis nova e tamén a agrupación máis numerosa e a que chega desde máis lonxe.

A presidenta das Amas de Casa, Ángeles Villar Fraguela, agradece, un ano máis, a colaboración recibida por parte de entidades, empresarios e da veciñanza en xeral para celebrar un novo encontro de palilleiras, ao tempo que invita veciños e visitantes a achegarse o próximo sábado a Cedeira para participar na xuntanza.

Cedeira convoca unha xornada formativa para dar a coñecer o uso e posibilidades da sede electrónica

CEDEIRA CONVOCA UNHA XORNADA FORMATIVA PARA DAR A COÑECER O USO E POSIBILIDADES DA SEDE ELECTRÓNICA

O Concello de Cedeira convoca para o día 25 unha xornada formativa, dirixida ao público en xeral, para que a veciñanza coñeza as posibilidades e vantaxes que ofrece a sede electrónica á hora de facer xestións e trámites administrativos vía telemática.

As persoas interesadas deben apuntarse na oficina de Turismo (avenida Castelao, número 18), no teléfono 981 482 187, ou ben facelo a través do correo electrónico enrique.vazquez@cedeira.gal.

A sala de usos múltiples, situada no pavillón polideportivo municipal, acollerá unha iniciativa que dará comezo ás 10.30 horas e que será impartida por unha profesional do sector. A administración local conta coa colaboración da Deputación da Coruña para a realización dunha xornada que se está a difundir baixo o lema “O teu concello máis preto”.

Desde o goberno municipal invítase os veciños e as veciñas de Cedeira a participar nunha iniciativa que abre novas vías de comunicación coa administración, que axiliza os trámites e que ademais é respectuosa co medio ambiente porque reduce o consumo de papel.

Pablo Moreda considera a participación no Foro do Xeoparque un paso adiante para que o do Ortegal sexa unha realidade

PABLO MOREDA CONSIDERA A PARTICIPACIÓN NO FORO DO XEOPARQUE UN PASO ADIANTE PARA QUE O DO ORTEGAL SEXA UNHA REALIDADE

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, participou, xunto a outros representantes dos concellos de Cariño, Cerdido, San Sadurniño, Ortigueira e Moeche, na V Xornada Aberta do Foro de Xeoparques celebrada onte na cidade de Burgos.

Moreda Gil, que estivo acompañado pola concelleira de Turismo, Carmela Prieto Cal, destacou a importancia de participar nun encontro destas características, “por canto representa un recoñecemento implícito, tanto por parte dos outros xeoparques como da propia Unesco, da relevancia que está a adquirir o proxecto do Ortegal”. “É un paso adiante para que o Xeoparque do Cabo Ortegal sexa unha realidade”, asegurou.

O alcalde apuntou que a participación nesta serie de encontros axuda a coñecer o traballo que se desenvolve en xeoparques xa consolidados, así como as diferentes formas de xestión e de financiamento. Ademais apuntou que a creación do Xeoparque do Cabo Ortegal ten que motivar tanto a participación e colaboración da veciñanza como das entidades e mesmo do tecido empresarial para garantir o futuro da comarca en base ao desenvolvemento sostible do seu territorio.