Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A xuntanza de palilleiras de Cedeira chega este ano á súa decimosexta edición

A XUNTANZA DE PALILLEIRAS DE CEDEIRA CHEGA ESTE ANO Á SÚA DECIMOSEXTA EDICIÓN

O Concello de Cedeira colabora coa Asociación de Amas de Casa da localidade na organización da XVI Xuntanza de Palilleiras, Patchwork e Bordado Tradicional que o día 19 terá lugar no polideportivo municipal.

A actividade desenvolverase de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas e na mesma tomarán parte arredor de catrocentas persoas. Durante o encontro haberá demostracións en vivo de patchwork, bordado e encaixe; venda e exposición de traballos e agasallos entre os asistentes.

As actividades darán comezo coa apertura do pavillón e o tradicional saúdo de benvida por parte do equipo de goberno.

O primeiro dos sorteos terá lugar sobre a unha da tarde. Unha estancia para dúas persoas nun aloxamento rural, roupa, botellas de viño e ata décimos de lotería son só algúns dos agasallos que a organización rifará nesta edición do certame grazas á axuda desinteresada dos sectores de hostalería, comercio e empresariado local. Nun segundo sorteo, que terá lugar a media tarde, distinguiranse a persoa de máis idade, a máis nova e tamén a agrupación máis numerosa e a que chega desde máis lonxe.

A presidenta das Amas de Casa, Ángeles Villar Fraguela, agradece, un ano máis, a colaboración recibida por parte de entidades, empresarios e da veciñanza en xeral para celebrar un novo encontro de palilleiras, ao tempo que invita veciños e visitantes a achegarse o próximo sábado a Cedeira para participar na xuntanza.