Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O Concello impulsa unha campaña para sensibilizar sobre o correcto uso da rede de sumidoiros

O Concello de Cedeira inicia unha campaña de información pública para sensibilizar á veciñanza sobre a importancia que ten para a calidade ambiental da ría o uso responsable da rede de sumidoiros. “A ría de Cedeira comeza nos sumidoiros” é o lema dunha iniciativa coa que se queren evitar xestos tan nocivos como verter a auga dos fregados, tirar cabichas e lixo no chan ou directamente no sumidoiro.

Neste sentido, desde o equipo de goberno recórdase que existe unha rede urbana para a recollida das augas pluviais que remata na desembocadura do río Condomiñas e mesmo na ría, o que fala “da importancia de adoptar condutas respectuosas con noso entorno”. Tamén se insiste no feito de apostar por verter cada residuo no colector axeitado, usar as papeleiras e baleirar a auga socia no inodoro para garantir un correcto tratamento e eliminación de cada refugallo.

A campaña deu comezo con charlas informativas no CEIP Nicolás del Río, entre escolares de 4º, 5º e 6º curso de Primaria. Baixo o título “Onde vai a auga que usamos?” os rapaces e rapazas descubriron como afecta o seu comportamento na casa o no funcionamento da rede de saneamento.

A iniciativa dará lugar así mesmo á sinalización dos sumidoiros para lembrar aos transeúntes que nese punto comeza o mar. Así, cun pequeno xesto de colaboración cidadá contribuirase a manter limpa a nosa ría, aseguran desde o goberno local.

O Entroido en Cedeira levará a festa ás rúas cun programa de actividades organizado polo Concello

Cedeira prepárase para celebrar o Entroido co programa de actividades organizado polo Concello que, segundo as previsións meteorolóxicas, vai vir acompañado de bo tempo.

Desde o equipo de goberno convídase á veciñanza a sumarse ás celebracións pero mantendo a moderación e o respecto para que sexan unhas festas divertidas e compartidas, sen incidentes e sen ocasionar danos en bens e propiedades públicas.

O calendario dará comezo hoxe sábado co desfile do Entroido, que sairá ás 17.00 da praza Roxa para rematar no pavillón polideportivo, donde terán lugar as actuacións e o acto de entrega dos premios do concurso, no que se repartirán 2.205 euros. Esta primeira xornada rematará cunha verbena amenizada pola orquestra Metrópolis, que será na praza Roxa e que dará comezo ás 23.30 horas.

A festa infantil será o luns 24 e terá lugar no pavillón polideportivo. A organización informa de que haberá inchables, animación e actividades para que as nenas e nenos gocen destas primeiras citas festivas do ano. O peche da xornada virá da man da orquestra Trovadores, que actuará a partir das 23.30 horas na praza Roxa.

As celebracións do Martes de Carnaval consistirán nunha batukada, ás 17.00 horas, a cargo do grupo da Asociación Cultural Discalz@s, e nunha feira de xogos na Praza Roxa. Esta última cita dará comezo ás 18.00 horas.

Co Enterro da Sardiña, previsto para a xornada do día 29, rematará a programación de Entroido. A despedida do defunto dará comezo ás 19.00 horas na praza da Marieta e rematará no auditorio municipal coa lectura de coplas.

O Goberno de Cedeira invita á veciñanza a participar no acto de homenaxe a Rosalía de Castro

O Concello de Cedeira organiza un acto público con motivo do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (24-2-1837). A iniciativa será o próximo luns e consistirá na lectura dalgunhas das obras da escritora de Padrón por parte dos asistentes. A fachada da biblioteca adornada coa faciana da ilustre poeta galega acollerá a celebración dun encontro que dará comezo ás 12.00 horas.

O equipo de goberno invita á veciñanza, maiores e pequenos, a tomar parte unha cita coa que se quere recordar a obra literaria de Rosalía pero tamén render homenaxe a unha muller adiantada ao seu tempo en canto aos dereitos do colectivo feminino e á persoa que, xunto a Curros Enríquez e Eduardo Pombal, deron lugar ao “Rexurdimento galego”.