Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Entroido en Cedeira levará a festa ás rúas cun programa de actividades organizado polo Concello

Cedeira prepárase para celebrar o Entroido co programa de actividades organizado polo Concello que, segundo as previsións meteorolóxicas, vai vir acompañado de bo tempo.

Desde o equipo de goberno convídase á veciñanza a sumarse ás celebracións pero mantendo a moderación e o respecto para que sexan unhas festas divertidas e compartidas, sen incidentes e sen ocasionar danos en bens e propiedades públicas.

O calendario dará comezo hoxe sábado co desfile do Entroido, que sairá ás 17.00 da praza Roxa para rematar no pavillón polideportivo, donde terán lugar as actuacións e o acto de entrega dos premios do concurso, no que se repartirán 2.205 euros. Esta primeira xornada rematará cunha verbena amenizada pola orquestra Metrópolis, que será na praza Roxa e que dará comezo ás 23.30 horas.

A festa infantil será o luns 24 e terá lugar no pavillón polideportivo. A organización informa de que haberá inchables, animación e actividades para que as nenas e nenos gocen destas primeiras citas festivas do ano. O peche da xornada virá da man da orquestra Trovadores, que actuará a partir das 23.30 horas na praza Roxa.

As celebracións do Martes de Carnaval consistirán nunha batukada, ás 17.00 horas, a cargo do grupo da Asociación Cultural Discalz@s, e nunha feira de xogos na Praza Roxa. Esta última cita dará comezo ás 18.00 horas.

Co Enterro da Sardiña, previsto para a xornada do día 29, rematará a programación de Entroido. A despedida do defunto dará comezo ás 19.00 horas na praza da Marieta e rematará no auditorio municipal coa lectura de coplas.