Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

SHOWCOOKINGS PROFESIONAIS CON IÑAKI BRETAL ESTRELLA MICHELÍN 2021 E MIGUEL A. CAMPOS PRESIDENTE DO GRUPO NOVE

O PROXECTO PESCA DE COSTA, actuación conxunta na que participa a CONFRARÍA DE PESCADORES DE CEDEIRA e o CONCELLO DE CEDEIRA ten como obxectivo promocionar e darlle visibilidade a calidade diferencial da pesca de baixura e do marisqueo, e implicar neste obxectivo ao sector hostaleiro da vila.

Sendo a finalidade do proxecto a interrelación dos sectores máis relevantes de Cedeira, o pesqueiro e o hostaleiro póñense en marcha dous showcooking profesionais nos que se destacará a importancia dos produtos da pesca de baixura e do marisqueo propio da vila.

Estes eventos desenvolveranse neste mes de xuño en dúas convocatorias de demostracións gastronómicas dirixidas a profesionais da hostalería. A primeira arranca o martes 15 a cargo de Iñaki Bretal Estrela Michelín 2021 e a segunda celébrase o mércores 16 e impartirase por Miguel A. Campos Presidente do Grupo Nove. Ambos showcooking que se celebran na Confraría de Pescadores de Cedeira de 17:30 a 19:30h, poñerase en valor a cociña autóctona en base á cualificación dos seus profesionais, e coa premisa da garantía da trazabilidade da extracción e comercialización.

Da man de Iñaki Bretal e de Miguel A. Campos, os hostaleiros recibirán unha formación teórico- práctica na que se comezará explicando os procesos de extracción, o control da calidade, a garantía da trazabilidade, e continuarase coa conceptualización e elaboración de propostas en base a produtos da pesca de costa e do marisqueo.

O propósito destas xornadas profesionais é que as ideas dos pratos que se elaboren sexan adoptadas despois como propias e se inclúan na oferta gastronómica dos establecementos participantes. Enriquecendo deste xeito por unha parte a oferta da súa carta e menú, e por outra o prestixio da cociña local, facendo dos profesionais transmisores do sabor e a frescura da pesca do día.

Con estes showcooking dedicados a hostalería, os cociñeiros locais farán unha interpretación xunto coa súa propia marca das ideas que tanto Iñaki Bretal como Miguel A. Campos lles amosen durante as xornadas. As creacións culinarias dos profesionais da hostalería de Cedeira converteranos en difusores da excelencia, calidade e sabor dos produtos da pesca de costa e do marisqueo da vila.

COMPRA E INSTALACIÓN DE DÚAS ESTUFAS PARA O CENTRO DE OCIO

O Concello de Cedeira ven de adquirir dúas estufas de pellets para o Centro de ocio que xa foron colocadas. Dita adquisición foi posible grazas á subvención concedida pola Xunta de Galicia e a Unión europea ao abeiro da Resolución do 19 de xuño de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para proxectos de enerxías renovables térmicas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e co apoio financeiro do Inega.

O GOBERNO LOCAL E O ALUMNADO IMPLICADO AVANZAN XUNTOS NA EXECUCIÓN DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS

Os proxectos votados nos primeiros Orzamentos Participativos de Cedeira van ser moi pronto unha realidade. Despois da súa aprobación no pleno de finais de marzo, o goberno local desenvolveu nestes meses varias sesións de traballo en liña cos rapaces e rapazas de 4ª da ESO do IES Punta Candieira, para mantelos ao fío do procedemento e mesmo para consultarlles e decidir os últimos detalles da execución. Así, están adxudicadas xa as obras e elementos do parque de calistenia no Paseo Marítimo e concretáronse emplazamento, películas e datas para o ciclo de auto-cine.

A previsión do Concello é ter instalado o parque de calistenia a finais do vindeiro mes de xullo no lugar elixido polo alumnado, na zona do paseo marítimo próxima á cafetería, a máis concorrida. O goberno local adxudicou recentemente os traballos de acondicionamento do areeiro no que estarán instalados os xogos de calistenia á empresa Jardinería Arce, por 6.691,30€ (IVE incluído) e tamén os elementos do parque, como unha xaula de exercicios, unha escaleira horizontal, barras de flexións, paralelas e outros, á empresa Contorna Técnicas Constructivas, por 14.322,04€.

Segundo informan desde o goberno municipal, coincidindo coa estrea destas instalacións programaranse uns obradoiros para amosar á poboación a práctica da calistenia e os seus beneficios, e instalarase unha placa cunha inscrición que fará constar que o parque é froito do primeiro proxecto piloto de orzamentos participativos de Cedeira.

En tanto ao ciclo de auto-cine, o lugar preferido polo grupo de 4º da ESO á zona do peirao próxima á Confraría de Pescadores, polo que o Concello de Cedeira está a tramitar o permiso de Portos. De non ter a autorización, optariase por outra ubicación. Proxectaranse as películas “Cuñados” e “El Viaje de Chihiro” entre o 9 de xullo e o 21 de agosto.

Neste proceso de Orzamentos Participativos púxose a debate a contía de 20.000€, porén o goberno local deixou constancia no pleno de marzo, no que foron aprobados, o seu compromiso de repetir a experiencia cada ano e implicar nela ao alumnado de 4ª de ESO do IES Punta Candieira, de xeito que os sucesivos grupos teñan oportunidade de aprender de primeira man o funcionamento do Concello (a composición da corporación, os servizos públicos locais), e os aspectos a ter en conta nas decisións sobre o Orzamento Municipal (o interese xeral e o impacto desas decisións ou doutras, como se definen as necesidades dunha poboación local e cales son as dificultades de determinados colectivos). Ademais, o proceso implica unha reflexión sobre os equipamentos e recursos dos que dispón Cedeira, para realizar propostas máis acaídas á realidade local.

Agora, xunto coas súas familias, os protagonistas desta primeira experiencia estarán de seguro máis pendentes dos medios de comunicación e as redes sociais, para coñecer os avances sobre as políticas locais na súa vila e sobre as novas relativas aos proxectos no que estiveron trallabando nos últimos meses.

Tanto a dirección e o profesorado do IES Punta Candieira como o Concello, a través do equipo de goberno, teñen manifestado ao longo das sesións de traballo nestes meses, o valor pedagóxico desta nova forma de xestión local. Enxalzan a participación, o co-deseño e o contraste constante nas decisións, que aportan unha gran lexitimidade e acerto nas actuacións públicas.